lunes, 12 de junio de 2017

PREMIOS AGADER ÁS INICIATIVAS DE DESENVOLVEMENTO RURAL

AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 1 de xuño de 2017 pola que se convoca a oitava edición dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural.

Obxecto
1. Aprobar as bases reguladoras dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural, que se xuntan a esta resolución como anexo I, co seguinte código de procedemento administrativo MR709A.
2. Convocar para o ano 2017, en réxime de concorrencia competitiva, a oitava edición dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural. Os premios que se convocan son os seguintes:
– O primeiro premio constará dun diploma e unha dotación en metálico de 25.000 euros.
– O segundo premio constará dun diploma e unha dotación en metálico de 15.000 euros.
– O terceiro premio constará dun diploma e unha dotación en metálico de 12.000 euros.
– O cuarto premio constará dun diploma e unha dotación en metálico de 8.000 euros.
– O quinto premio constará dun diploma e unha dotación en metálico de 5.000 euros.
– O premio especial para mozos e/ou mozas constará dun diploma e unha dotación en metálico de 15.000 euros. Para estes efectos, terán a consideración de mozos ou mozas os que non teñan máis de corenta anos na data en que finalice o prazo para presentar a candidatura ou, no caso de persoas xurídicas, cando polo menos o 25 % dos seus membros cumpran este requisito.
3. Aprobar os anexos que se xuntan a esta resolución para a xestión da convocatoria.
Persoas destinatarias
Poderán presentar candidaturas aos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas.
Iniciativas que poden ser premiadas
1. Nos termos desta resolución poderanse conceder os premios ás iniciativas que cumpran os seguintes requisitos:
– Que se localicen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
– Que contribúan de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada.
– Que estean executadas con carácter previo á data de publicación da convocatoria.
2. Exclúense destes premios as iniciativas:
– Que obtivesen premio nalgunha das anteriores edicións dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural ou do premio Agader ao embelecemento do medio rural.
– Que se encontren en fase de deseño ou execución na data de publicación da convocatoria dos premios.
– Que se desenvolvan nos sectores da pesca e acuicultura, nos da produción, transformación e comercialización dos produtos agrícolas incluídos no anexo I do Tratado constitutivo da CE, e noutros sectores e supostos segundo o previsto no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE nº L 352, do 24 de decembro), en que se ampara o procedemento de concesión dos premios.