CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Obxecto
Axudas para consolidar, estruturar e especializar as unidades de investigación máis competitivas do Sistema galego de I+D+i mediante as seguintes modalidades:
– Modalidade A: grupos de referencia competitiva (GRC). Axudas para a consolidación de grupos de investigación das entidades solicitantes que, pola súa produción científica e pola súa actividade de I+D, constitúan unha referencia no Sistema galego de I+D+i.
– Modalidade B: grupos con potencial de crecemento (GPC). Axudas para a consolidación de grupos de investigación das entidades solicitantes que, pola súa produción científica e pola súa actividade de I+D, amosen potencial de crecemento ata converterse en grupos de referencia do sistema de I+D+i galego.
– Modalidade C: redes de investigación. Axudas a grupos de investigación para apoiar o desenvolvemento dun plan de actuacións en rede que permita conformar novas capacidades científicas e abordar con maior efectividade novos obxectivos en investigación.
– Modalidade D: proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente. Axudas para a realización de proxectos de investigación a investigadores individuais que, contando cunha traxectoria excelente consolidada ou en formación, teñen que afianzar unha liña de traballo baseada en proxectos de alto impacto, fundamentalmente nos ámbitos nacional e internacional. Estas axudas adoptarán, segundo as características dos investigadores ou investigadoras, dúas modalidades: 1. Liña de reforzo da traxectoria investigadora consolidada, e 2. Liña de reforzo de traxectorias emerxentes.
Entidades beneficiarias
As seguintes entidades: a) as universidades do SUG; b) os organismos públicos de investigación de Galicia; c) as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación para a Investigación, Desenvolvemento e Innovación Ramón Domínguez, Fundación Profesor Novoa Santos e Fundación Biomédica Galicia Sur); d) os centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e do IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia, segundo os requisitos establecidos nos anexos I, II, III e IV para cada caso.
Prazo de presentación de solicitudes
Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.