martes, 13 de junio de 2017

SUBVENCIÓNS DO PROGRAMA DE REHABILITACIÓN EDIFICATORIA DO PLAN ESTATAL DE FOMENTO DO ALUGAMENTO DE VIVENDAS

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO


Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto convocar as subvencións do Programa de rehabilitación edificatoria para a anualidade 2017, código de procedemento VI422E.
2. Estas axudas están destinadas a subvencionar a realización de actuacións de rehabilitación que consisten na execución de obras e traballos de mantemento e intervención nas instalacións fixas e equipamento propio, así como nos elementos e espazos privativos comúns dos edificios de tipoloxía residencial colectiva que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que estean finalizados antes de 1981.
b) Que, polo menos, o 70 % da súa superficie construída sobre rasante teña uso residencial.
c) Que, polo menos, o 70 % das súas vivendas constitúa o domicilio habitual das persoas moradoras.
3. Excepcionalmente, admitiranse neste programa os edificios nos que, sen cumprir as condicións anteriores, concorra algunha destas circunstancias:
a) Presenten graves danos estruturais ou doutro tipo, que xustifiquen a súa inclusión no programa.
b) Se destinen na súa totalidade ao alugamento durante, polo menos, 10 anos, contado desde a recepción da axuda.
Persoas beneficiarias
Poderán obter a condición de persoas ou de entidades beneficiarias destas axudas as comunidades de propietarios/as, as agrupacións de comunidades de propietarios/as e as persoas físicas propietarias únicas de edificios de vivendas.
Importe
1. As subvencións previstas nesta convocatoria farase efectivas con cargo á aplicación 08.80.451A.780.5 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017, por importe de 2.734.497 €.
2. A contía máxima das subvencións que se van conceder por edificio non poderá superar o importe de multiplicar 11.000 euros por cada vivenda e por cada 100 m2 de superficie útil de local, ou 12.100 euros cando se trate de edificios declarados bens de interese cultural catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente, e determinarase en función do previsto no artigo 7 das bases.
3. A contía máxima das subvencións que se van conceder por edificio non poderá superar o 35 % do custo subvencionable da actuación. Non obstante, no caso de actuacións para a mellora da accesibilidade, e só na partida correspondente á accesibilidade, poderase chegar ao 50 %.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.