miércoles, 14 de junio de 2017

SUBVENCIÓNS PARA O REMATE DE FACHADAS E CUBERTAS, REHABILITACIÓN E RECONSTRUCIÓN DE EDIFICIOS E VIVENDAS NO ÁMBITO RURAL, HISTÓRICO E DOS CAMIÑOS DE SANTIAGO

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO


Finalidade
Esta resolución ten por obxecto convocar, a través dun procedemento de concorrencia non competitiva, subvencións a fondo perdido para as persoas promotoras de actuacións de remate de fachadas e cubertas, así como de rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago (procedemento VI408E).
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas promotoras das actuacións que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño e, ademais, conten coa resolución de cualificación definitiva ou coa cédula de rehabilitación de calidade.
No suposto de actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias, só poderán ser beneficiarias as persoas físicas titulares das vivendas ou dun dereito real que permita acometer as ditas actuacións. Estas persoas serán beneficiarias en función da súa porcentaxe de participación no orzamento protexible das obras.
2. Será requisito para poder ser persoa beneficiaria da subvención estar dedicando a vivenda a domicilio habitual e permanente, circunstancia que se acreditará do seguinte modo:
– No caso de destinarse a uso propio, mediante certificado de empadroamento que acredite o destino da vivenda rehabilitada a domicilio habitual e permanente desde o día seguinte ao data da notificación da cualificación definitiva e cunha duración mínima de cinco anos. Non obstante, no caso de que a cualificación definitiva se tivese notificado nun prazo inferior aos cinco anos, acreditarase o destino da vivenda a domicilio habitual e permanente desde esa data e ata a data da solicitude da subvención, sen prexuízo de ter que destinar a vivenda a domicilio habitual e permanente durante o citado prazo de cinco anos.
– No caso de destinarse a alugamento, mediante un contrato de arrendamento cunha duración mínima de cinco anos e que deberá estar formalizado entre o día seguinte ao da notificación da cualificación definitiva e o da publicación da convocatoria de subvención.
No suposto de vivendas con cédula de rehabilitación de calidade ou actuacións promovidas por comunidades de propietarios/as, o requisito de estar dedicando a vivenda a domicilio habitual e permanente polas persoas propietarias ou inquilinas, no caso de alugamento, exixirase desde a data da solicitude da subvención.
No suposto de poboación galega residente no exterior da Comunidade Autónoma e que non destine as vivendas ao alugamento, a obriga de residencia habitual e permanente limitarase á residencia na vivenda rehabilitada ou reconstruída durante un período de, polo menos, 15 días ao ano.
3. Para o caso de actuacións con destino a uso propio, exixirase que os ingresos ponderados da unidade de convivencia da persoa beneficiaria non excedan os seguintes límites:
a) 3,5 veces o índice público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM), no caso de expedientes no ámbito rural iniciados ao abeiro do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, que continuaron a súa tramitación en aplicación das disposicións transitorias segunda e cuarta do Decreto 44/2011, do 10 de marzo.
b) 6,5 veces o IPREM, no caso de expedientes no ámbito histórico ou dos Camiños de Santiago iniciados ao abeiro do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, que continuaron a súa tramitación en aplicación da disposición transitoria segunda do Decreto 44/2011, do 10 de marzo.
4. Para o caso de actuacións con destino ao alugamento, exixirase que os ingresos ponderados das unidades de convivencia das persoas que residan na vivenda non excedan 4,5 veces o IPREM.
5. En ningún caso poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas persoas que as solicitasen nas convocatorias dos últimos catro anos, agás que desistisen expresamente das súas solicitudes, as presentaran fóra do prazo ou, téndoa solicitada dentro de prazo, a data da cualificación definitiva exceda o límite establecido no seu día na correspondente convocatoria.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.