CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL
Finalidade
Establecemento de subvencións ás entidades de iniciativa social que, de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, levan a cabo a atención ás persoas nos centros de inclusión e emerxencia social e desenvolven programas e/ou prestan servizos na área de actuación dos servizos sociais comunitarios, de inclusión e, especificamente, da inclusión social e laboral da poboación inmigrante.
Beneficiarias
Entidades de iniciativa social a que se refire o artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, sempre e cando reúnan os seguintes requisitos:
a) Estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
b) Carecer de ánimo de lucro. Para os efectos do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, considéranse entidades privadas de iniciativa social aquelas organizacións non gobernamentais e institucións non gobernamentais que realicen actividades de servizos sociais e carezan de ánimo de lucro. Para estes efectos, acreditarase que non reparten beneficios, que no caso de liquidación ou disolución o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu labor con carácter gratuíto, de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.
d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
e) Dedicarse con carácter preferente, en concordancia cos seus estatutos, á realización de actuacións recollidas no artigo 1.
Importe
1. Importe total: dez millóns cento vinte e oito mil douscentos cincuenta e dous euros (10.128.252 €).
2. Subvencións para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social.
a) Centros de acollida e inclusión: módulo de 6 € por cada persoa con atención básica por día e módulo de 40 € por cada persoa con atención especializada por día, cun límite máximo de 218.750,00 € por centro.
b) Centros de día de inclusión social: módulo de 3 € por cada persoa que se atenda e día, cun límite máximo de 50.000 € por centro.
c) Albergues: módulo de 5 € por cada persoa que se atenda e día, cun límite máximo de 50.000 € por centro.
d) Comedores sociais: módulo de 3 € por cada persoa que se atenda e día, cun límite máximo de 125.000 € por centro.
e) Centros de atención social continuada: módulo de 3 € por cada persoa que se atenda e día, cun límite máximo de 50.000 € por centro.
3. Subvencións para programas.
A contía máxima de axuda por actuación establécese nun importe de 45.000 €.
4. Subvencións para o investimento de centros de inclusión e emerxencia social.
Para os efectos de determinar o importe da subvención, terase en conta o orzamento presentado pola entidade solicitante, e esta non poderá superar o 80 % do orzamento total.
En ningún caso o importe máximo da axuda que se conceda superará o importe de 187.500 €.
Prazo de presentación de solicitudes
Un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.