lunes, 2 de marzo de 2015

SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS AUDIOVISUAIS GALEGOS

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS


Obxecto, 
1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais, que contribúa a asegurar a madurez dos produtos audiovisuais galegos, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para este ano 2015.
A finalidade das subvencións é o fomento dos traballos previos á produción audiovisual, nas modalidades establecidas na base seguinte, que se atopen en fase inicial de desenvolvemento, e que se prevexa que se levará a cabo nos exercicios 2015 e 2016.
2. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.
3. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas para a mesma finalidade polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e dos seus organismos dependentes.
4. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo do evento.
Beneficiarios
1. Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes cunha antigüidade dun ano, con sucursal ou oficina permanente polo menos un ano, logo desta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a área económica europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.
2. Os beneficiarios deberán ter un contrato cun director e/ou un guionista para desenvolver algún proxecto dos tipos sinalados na base terceira.
3. Non poderán acceder ás subvencións os solicitantes que se encontren afectados por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Así mesmo, quedan excluídos aqueles solicitantes que fosen beneficiarios de axudas nas convocatorias de subvencións da Agadic nos dous exercicios anteriores aos da presente convocatoria e incumprisen as bases ou as finalidades establecidas nela, sempre e cando fosen sancionados por iso. As condicións exixidas no punto 1 deste artigo deberanse manter durante todo o período de execución do proxecto subvencionado. A perda dalgunha destas condicións suporá a perda da condición de beneficiario e, se é o caso, o reintegro das cantidades percibidas.
Prazo de solicitude: ata o 4 de abril de 2015.