CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR
Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas en réxime de concorrencia competitiva para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013 (procedemento MR351A), así como convocalas para o ano 2015.
2. Esta axuda ten como finalidade:
a) Promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo.
b) Fomentar a introdución de novas tecnoloxías no emprego de maquinaria e equipamentos.
c) Racionalizar os custos de mecanización, incrementar os mecanismos de seguranza no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural.
3. As solicitudes desta axuda tramitaranse de acordo coa presente orde.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios da axuda regulada nesta orde:
a) As cooperativas agrarias que teñan como obxecto social prioritario a adquisición e a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, denominadas convencionalmente cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (en diante CUMA), as sociedades agrarias de transformación (en diante SAT), que teñan como obxecto social prioritario a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, e as cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria agrícola segundo o artigo 9 da Lei 5/1998, do 18 de decembro (DOG nº 251, do 30 de decembro), de cooperativas de Galicia, así como outras agrupacións con personalidade xurídica propia, e soamente para investimentos directamente relacionados coa súa actividade: as comunidades de regantes, asociacións de viticultores en terreos con pendentes superiores ao 15 % e asociacións de faba e castaña.
b) O resto das cooperativas agrarias que adquiran maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario para prestaren servizos aos seus socios.
c) As cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT procedentes da fusión de, polo menos, dúas explotacións, nos 5 anos posteriores á súa constitución.
Prazo de resolución:
O prazo para resolver e notificar as subvencións será de 2 meses desde a publicación desta orde. Se, transcorrido o prazo para resolver, ao interesado non lle é notificada a resolución, entenderase desestimada por silencio negativo.