martes, 17 de marzo de 2015

SUBVENCIÓN PROGRAMA REENCONTROS NA TERRA

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
1. A presente resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas correspondentes ao programa Reencontros na Terra para o ano 2015, orientado a promover o contacto das persoas galegas residentes no exterior coa súa terra, mediante un período de estadía nunha residencia e posteriormente coas súas familias, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.
As axudas consistirán no financiamento do custo da viaxe, de ida e volta desde os seus países de residencia ata Galicia e da estadía en residencia, das persoas emigrantes galegas que carezan de recursos.
2. Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria das devanditas axudas para o ano 2015.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:
1.1. Ser emigrante galega.
1.2. Ter a nacionalidade española.
1.3. Residir en América de xeito continuado, como mínimo, durante os últimos 10 anos.
1.4. Ter, ao menos, 65 anos feitos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
1.5. Non ter participado nos últimos 15 anos naturais en programas de viaxes a Galicia desta secretaría xeral ou do Estado español.
1.6. Valerse por si mesmas e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, circunstancias que deberán acreditar mediante os correspondentes certificados médicos.
1.7. Ter ingresos inferiores a 1,5 veces o importe das bases de cálculo da prestación económica por ancianidade do Ministerio de Emprego e Seguridade Social do Estado español para o ano desta convocatoria, segundo o país de residencia. Se a persoa solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que convivan menos unha.
2. As persoas solicitantes poderán vir acompañadas polas unidas a elas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, sempre e cando estas cumpran os requisitos establecidos nos puntos 1.3, 1.5 e 1.6 e acheguen a documentación xustificativa.
3. Entenderase como unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como os/as fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.
4. No caso das relacións de feito análogas ao matrimonio, as persoas solicitantes terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. No caso de teren descendencia en común, chegará con acreditar a convivencia.
Prazo de presentación das solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.