miércoles, 4 de marzo de 2015

SUBVENCIÓN Á PRODUCCIÓN ESCÉNICA

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS


Obxecto, finalidade e principios de xestión
1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para contribuír á promoción da produción da actividade escénica, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para este ano 2015.
A finalidade das subvencións é o fomento da produción escénica, en calquera das súas modalidades e disciplinas artísticas, por parte de compañías profesionais con actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, estreada entre o 1 de abril de 2015 ata o 31 de marzo de 2016. A produción deberá iniciarse no exercicio 2015.
2. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá dos 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.
3. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e dos seus organismos dependentes.
4. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo do evento.
Beneficiarios
1. Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas as persoas, físicas ou xurídicas, así como as sociedades civís e comunidades de bens –ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia–, así como as unións temporais de empresas, dedicadas profesionalmente á produción de actividade escénica, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, quedando exceptuadas as asociacións e restantes entidades sen fins de lucro.
No suposto da modalidade 1 (empresas de nova creación), ademais dos requisitos anteriores, é preciso que a antigüidade da compañía non sexa superior aos 5 anos. Para estes efectos, a constitución e antigüidade da compañía contabilizarase desde a última data da alta no IAE, na actividade de produción ou distribución de espectáculos de artes escénicas.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes declararán non estar incursos en tales circunstancias, consonte o establecido no anexo I desta convocatoria.
Modalidades, orzamento e imputación de créditos e contía
1. As modalidades de subvención que comprende esta convocatoria son as que seguen:
Modalidade 1. Subvencións á produción de espectáculos de empresas de nova creación, e con proxectos que non superen os 20.000 euros de orzamento.
• Modalidade 2. Subvencións á produción de espectáculos de pequeno formato, que son aqueles compostos por un máximo de tres actores, actores-manipuladores, bailaríns ou músicos en escena, e que non superen os 30.000 euros de orzamento.
Modalidade 3. Subvencións á produción de espectáculos de mediano formato, que son aqueles compostos por entre catro e sete actores, actores-manipuladores, bailaríns ou músicos en escena, e que non superen os 60.000 euros de orzamento.
• Modalidade 4. Subvencións á produción de espectáculos de gran formato, que son aqueles compostos por máis de sete actores, actores-manipuladores, bailaríns ou músicos en escena, e que non superen os 80.000 euros de orzamento.
Prazo de solicitude: ata o 4 de abril de 2015