CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA
Obxecto
As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto fomentar a rehabilitación con granito das fachadas de edificacións de vivenda existentes contribuíndo a embelecer o tecido construtivo galego cun material de fácil colocación e respectuoso co ambiente á vez que se mellora a eficiencia enerxética
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os particulares ou as comunidades de propietarios, sempre que a actuación subvencionable descrita no artigo 2 se realice en vivendas illadas ou edificios de vivenda colectiva, sitos na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarios as persoas físicas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.
3. En ningún caso o obxecto da subvención se destinará nin se adscribirá a ningunha actividade empresarial ou profesional.
4. Os beneficiarios obríganse a facilitar canta información lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das axudas.
Prazo de solicitude:
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte da publicación desta orde no DOG e rematará cando se esgoten os fondos económicos consignados. En todo caso, finalizará aos tres meses do día seguinte da publicación da presente orde.