lunes, 9 de marzo de 2015

SUBVENCIÓN A PROMOVER O AUTOEMPREGO E ACTIVIDADE EMPRENDEDORA PERSOAS GALEGAS RETORNADAS

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto e réxime das axudas
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas, subvencionando os gastos que leva consigo o seu establecemento como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, ou como socias traballadoras de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado.
2. Así mesmo, ten por obxecto convocar as devanditas subvencións para o ano 2015.
3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2 Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, e concederanse a todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos exixidos no artigo 3 desta resolución.
A concesión destas axudas estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia a indicada circunstancia, o que levará consigo a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. No caso de que o crédito establecido para esta subvención non for suficiente para proceder ao pagamento de todas as subvencións solicitadas aplicarase, como criterio de prioridade, a data de presentación das solicitudes con toda a documentación relacionada no artigo 9.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas:
1. As persoas galegas e nacidas en Galicia que residindo fóra de España retornen á Comunidade Autónoma galega.
2. Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as fillos/as das persoas relacionadas no punto 1 con residencia no estranxeiro que residindo fóra de España se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.
Para os efectos do establecido neste punto, terá a condición de parella de feito a que figure inscrita como tal no correspondente Rexistro de Parellas de Feito de Galicia regulado polo Decreto 248/2007, do 20 de decembro.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2015.