jueves, 19 de marzo de 2015

BOLSAS DE ESTADÍA NA CASA VELAZQUEZ EN MADRID

CONSELLO DA CULTURA GALEGA


Obxecto
Esta resolución ten como obxecto aprobar as bases e proceder á convocatoria de dúas bolsas de estadía na Casa de Velázquez en Madrid, que se inclúen como anexos a esta resolución, coa finalidade de contribuír ao estudo e investigación da proxección da cultura galega, notablemente no mundo francófono.
As bolsas regulamentadas nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia. Cada bolsa estará dotada con mil euros (1.000,00) de estadía mensual por un período de tres (3) meses.
Duración
A duración de cada unha das bolsas será de tres (3) meses e desenvolverase preferentemente entre os meses de abril e novembro de 2015. A data de incorporación ao centro establecerase na notificación da adxudicación da bolsa; en calquera caso, a data límite de finalización das bolsas será o 31 de decembro de 2015.
As bolseiras e os bolseiros que non se incorporen no prazo establecido perderán os dereitos inherentes á bolsa concedida, agás causa xustificada de atraso apreciada polo presidente do Consello da Cultura Galega.
Requisitos xerais
Poderán solicitar estas bolsas ou ser beneficiarias delas as persoas en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan, ademais dos requisitos específicos que para cada bolsa se sinalen nos anexos desta resolución, os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.
b) Estar en posesión da titulación académica requirida para a bolsa para a cal presente solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes.
c) Acreditar coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciado/a en Filoloxía Galega.
d) Non incorrer nalgunha das causas de prohibicións para ser beneficiario/a, ás cales se refire o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de solicitude: ata o 20 de abril de 2015.