CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR
Obxecto e ámbito
1. Esta orde ten por obxecto regular e convocar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2015 os pagamentos directos á agricultura e á gandaría, así como as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.
2. Así mesmo, ten por obxecto aplicar na Comunidade Autónoma de Galicia o sistema integrado de xestión e control de determinados réximes de axudas comunitarios, incluída a solicitude única de axudas, de acordo co previsto no Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento e o Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agrícola común, polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 352/78, (CE) nº 165/94, (CE) nº 2799/98, (CE) nº 814/2000, (CE) nº 1290/2005 e (CE) nº 485/2008 do Consello.
Liñas de axuda
1. As liñas de axuda están integradas polos pagamentos directos á agricultura e á gandaría, en concreto, os seguintes réximes de axuda comunitarios establecidos no Regulamento (UE) nº 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e no Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir de 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, así como sobre a xestión e control dos pagamentos directos e dos pagamentos ao desenvolvemento rural:
a) Un pagamento básico aos agricultores («réxime de pagamento básico»).
b) Un pagamento para os agricultores que apliquen prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o ambiente.
c) Un pagamento suplementario para os novos agricultores que comecen a súa actividade agrícola.
d) Un réxime de axuda asociada:
1ª. Axuda asociada aos cultivos proteicos.
2ª. Axuda asociada aos legumes de calidade.
3ª. Axuda asociada para as explotacións que manteñan vacas nutrices.
4ª. Axuda asociada para as explotacións de vacún de ceba.
5ª. Axuda asociada para as explotacións de vacún de leite.
6ª. Axuda asociada para as explotacións de ovino.
7ª. Axuda asociada para as explotacións de cabrún.
8ª. Axudas asociadas para os gandeiros de vacún de leite, vacún de ceba e de ovino e cabrún que mantiveron dereitos especiais en 2014 e non dispoñen de hectáreas admisibles para a activación de dereitos de pagamento básico.
9ª. Tamén poderá solicitarse calquera outra axuda asociada regulada no título IV do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro.
e) Un réxime simplificado para os pequenos agricultores.
Todas as axudas citadas anteriormente son financiadas integramente polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga).
2. Tamén se inclúen as solicitudes de axuda e pagamento das medidas de desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control, que na Comunidade Autónoma de Galicia son:
a) Solicitudes de axuda e pagamento das seguintes medidas do Programa de desenvolvemento rural (en diante PDR) de Galicia 2007-2013:
1ª. Axudas destinadas a indemnizar os agricultores polas dificultades naturais en zonas de montaña e axudas destinadas a indemnizar os agricultores polas dificultades naturais en zonas distintas ás de montaña (en diante, indemnización compensatoria).
2ª. Prima anual de mantemento asociada ás axudas de primeira forestación de terras non agrícolas e ás axudas para o fomento das frondosas caducifolias.
b) Solicitudes de axuda e pagamento das seguintes medidas do PDR de Galicia 2014-2020:
1ª. Agroambiente e clima.
2ª. Agricultura ecolóxica.
Nas axudas incluídas nas alíneas 2.a) e 2.b) anteriores, o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) contribuirá cunha participación do 75 % ao seu cofinanciamento.
Solicitude única (procedemento MR250A)
1. As persoas que desexen obter algún dos pagamentos directos ou das axudas de desenvolvemento rural citadas no artigo 2 deberán presentar unha solicitude única.
2. Para os efectos dos controis da condicionalidade, tamén deberán presentar unha solicitude única os beneficiarios que recibisen o primeiro pagamento á colleita en verde en 2014 ou da prima á arrinca ou á reestruturación e reconversión da viña nos anos 2012, 2013 ou 2014. Estes beneficiarios presentarán unha solicitude única en que declaren todas as parcelas da súa explotación, aínda que non soliciten ningún dos pagamentos directos ou axudas de desenvolvemento rural indicados no artigo 2 desta orde.
Lugar e prazo de presentación da solicitude única
1. A solicitude única presentarase na Comunidade Autónoma de Galicia dirixida á persoa titular da dirección do Fogga, cando a explotación estea situada completamente neste territorio ou se, estando situada en máis dunha comunidade autónoma, se atopa na Comunidade Autónoma de Galicia a maior parte da superficie agraria ou o maior número de animais, no caso de non dispoñer de superficie.
2. A presentación da solicitude única realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Os solicitantes poderán optar por:
a) Realizar persoalmente a súa solicitude, para o que precisan dispoñer dun certificado dixital con vixencia.
b) Realizar a solicitude a través das entidades colaboradoras asinantes dun convenio para tal efecto co Fogga.
3. O prazo de presentación da solicitude única, para o ano 2015, iniciarase o 1 de marzo e finalizará o día 15 de maio, ambos inclusive.
4. Non obstante o disposto no parágrafo anterior, admitiranse solicitudes de axudas ata os 25 días naturais seguintes á data de finalización do prazo establecido; nese caso e fóra dos casos de forza maior e circunstancias excepcionais, os importes reduciranse un 1 % por cada día hábil en que se exceda a dita data. A redución mencionada neste parágrafo tamén será aplicable respecto da presentación de contratos ou declaracións e outros documentos ou xustificantes que sexan elementos constitutivos da admisibilidade da axuda de que se trate, segundo o previsto na normativa comunitaria. No ano en que se asignen dereitos de pagamento básico esa redución será dun 3 % por cada día hábil en que se exceda a dita data para ese réxime de axudas. Se o atraso é superior a 25 días naturais, a solicitude considerarase inadmisible.