lunes, 2 de marzo de 2015

BOLSAS DE FORMACIÓN NA AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA

AXENCIA TURISMO DE GALICIA


Obxecto e finalidade
Esta resolución ten por obxecto a aprobación das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a concesión de 9 bolsas de formación práctica, en réxime de concorrencia competitiva, en áreas dependentes da Axencia Turismo de Galicia. Así mesmo, procédese a convocar as devanditas bolsas para o ano 2015, que se distribuirán da seguinte maneira:
1.1. Sete (7) bolsas de formación práctica especializada para a promoción e información turística, mediante a realización de prácticas tuteladas nas oficinas de información turística dependentes da Axencia Turismo de Galicia distribuídas da seguinte forma: 2 bolsas na oficina de turismo de Santiago de Compostela, 1 bolsa na oficina de turismo da Coruña, 1 bolsa na oficina de turismo de Pontevedra, 1 bolsa na oficina de turismo de Vigo, 1 bolsa na oficina de turismo de Lugo, 1 bolsa na oficina de turismo de Ourense.
O programa formativo desenvolverase ao longo do ano 2015 cunha duración máxima de seis (6) meses, contados desde a data da incorporación das persoas bolseiras.
1.2. Dúas (2) bolsas de formación práctica especializada na Área de Estudos e Investigación para a realización de labores de investigación, tratamento e análise de datos en materia turística:
– Bolsa A: especialidade estatística.
– Bolsa B: especialidade turismo.
O lugar de realización das prácticas tuteladas na sede da área, nas oficinas da Axencia Turismo de Galicia da Barcia (Estrada Santiago-Noia, km 3, 15896 Santiago de Compostela). O programa formativo desenvolverase ao longo do ano 2015, cunha duración máxima de nove (9) meses contados desde a data da incorporación dos bolseiros.
Para poder ser beneficiario das bolsas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7.2 das bases reguladoras.
Beneficiarios
Poden solicitar a concesión das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:
1. Ser española ou nacional dun Estado membro da Unión Europea, así como estar domiciliada na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Posuír as seguintes titulacións universitarias:
a) Bolsas de formación nas oficinas de información turística: licenciados ou grao en turismo; diplomados en turismo; técnicos superiores en información e comercialización turística; técnicos superiores en axencias de viaxes.
b) Bolsas de formación na Área de Estudos Turísticos. Ofértanse dúas bolsas de formación con diferentes requisitos.
I. Bolsa A. Licenciados ou grao en matemáticas, economía, administración e dirección de empresas, enxeñaría ou estatística e diplomados en estatística.
II. Bolsa B. Diplomados ou licenciados en turismo, grao ou postgrao en turismo, economía, administración e dirección de empresas e na rama de ciencias sociais e humanidades.
3. Estas titulacións deben estar finalizadas nos 3 anos naturais inmediatamente anteriores ao remate do prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria.
4. Os solicitantes deberán acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4.
5. En ningún caso poderán ser beneficiarios desta bolsa aqueles solicitantes que fosen adxudicatarios dela en edicións anteriores. Quedarán tamén excluídos da convocatoria aqueles solicitantes que fosen adxudicatarios das bolsas en edicións anteriores e que renunciaran a elas con posterioridade.
Prazo de solicitude
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.