CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE
Obxecto
Esta resolución ten por obxecto regular a concesión de subvencións destinadas desenvolver e financiar o desenvolvemento do Plan Corresponsables, consistente en actuacións orientadas a facilitar a corresponsabilidade nas familias con fillas e fillos de ata 16 anos incluídos, mediante a creación de bolsas de coidado profesional, a creación de emprego de calidade no ámbito dos coidados e a formación e sensibilización en corresponsabilidade e coidados.
Procedementos e liñas de subvencións
Estas bases reguladoras contemplan os seguintes procedementos:
a) Liña de Plan Corresponsables no ámbito local, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida (código de procedemento SI436A).
b) Liña de Plan Corresponsables para desenvolver polas entidades de iniciativa social (código de procedemento SI436B).
c) Liña de Plan Corresponsables para desenvolver polas asociacións de nais e pais, de centros sostidos pola Xunta de Galicia, federacións e confederacións de nais e pais (código de procedemento SI436C).
Actuacións subvencionables
Considéranse subvencionables as actuacións orientadas a facilitar a conciliación das familias con fillas e fillos menores de ata 16 anos de idade mediante a creación de bolsas de coidado profesional, a través da creación de emprego de calidade no sector dos coidados e plans de formación e sensibilización en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias.
As actuacións destinaranse ao coidado de menores en familias con fillas e fillos de ata 16 anos incluídos, e con carácter prioritario en caso de vítimas de violencia de xénero en todas as súas manifestacións, especialmente cando teñan que acudir a interpoñer denuncias, procesos xudiciais, citas médicas e terapéuticas, ou outros trámites burocráticos; familias monoparentais; mulleres en situación de desemprego para realizar accións formativas ou procura activa de emprego; mulleres maiores de 45 anos ou unidades familiares en que existan outras cargas relacionadas cos coidados.
Ao abeiro do disposto na presente resolución, serán subvencionables as seguintes tipoloxías de proxectos:
1. Bolsas de coidado profesional de menores en familias con fillas e fillos de ata 16 anos de idade, coa posibilidade de desenvolver unha ou máis das seguintes modalidades:
a) Habilitación de servizos de coidado profesional de calidade, e con garantía de dereitos laborais dos profesionais que presten os seus servizos neste marco, de nenas, nenos, mozos e mozas de ata 16 anos de idade que poidan prestarse en domicilio por un número determinado de horas semanais.
b) Habilitación de servizos de coidado profesional de calidade, e con garantía de dereitos laborais dos profesionais que presten os seus servizos neste marco, de nenas, nenos, mozos e mozas de ata 16 anos de idade, que poidan prestarse en dependencias públicas convenientemente habilitadas para o efecto, tales como escolas, centros municipais, multiúsos, polideportivos, ludotecas, entre outros, cumprindo coas garantías sanitarias, así como coa normativa que lles sexa de aplicación.
2. Plans de sensibilización e formación en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias: implementación de plans e actuacións de formación en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias, para promover a perspectiva de xénero e fomentar a corresponsabilidade no ámbito de coidados.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.