VALEDOR DO POBO
Obxecto
As bolsas terán por obxecto a formación práctica na Valedora do Pobo de persoas con discapacidade intelectual, vinculada cos seus estudos, como medida para favorecer a súa inclusión.
Requisitos
Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas que acrediten reunir os seguintes requisitos:
– Ser españolas ou nacionais dun Estado membro da Unión Europea ou daqueles Estados aos cales en virtude de tratados internacionais sexa aplicable a libre circulación de persoas.
– Ser persoas con discapacidade intelectual nun grao igual ou superior ao 33 %.
– Posuír a titulación de formación profesional que se pretende complementar coa formación práctica.
– Non contar con experiencia laboral, nin por conta propia nin por conta allea, no último ano, contado a partir da data de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia ou, cando menos, que tal experiencia non exceda os tres meses en tal período.
– Non ter bolsa ou práctica remunerada dalgunha Administración pública no último ano.
– Ser maiores de 18 anos.
As persoas nas cales concorran discapacidade intelectual e psíquica só poderán presentarse a unha das convocatorias do ciclo; é dicir, as persoas que xa se presentasen á anterior convocatoria para persoas con discapacidade psíquica non poden presentarse á presente para persoas con discapacidade intelectual, posto que, de acordo co disposto na anterior convocatoria, non poden presentarse ás dúas.
Convocatoria e solicitudes
1. Convocatoria.
A convocatoria será publicada no Diario Oficial de Galicia e na web da Valedora do Pobo.
2. Presentación das solicitudes.
As solicitudes e a documentación anexa presentaranse no rexistro da Valedora do Pobo (rúa Hórreo, nº 65, Santiago de Compostela, A Coruña) ou por calquera outro medio admitido en dereito.
3. Solicitudes e documentación.
As persoas interesadas deberán achegar o seguinte:
– Escrito de solicitude dirixido á Valedora do Pobo, cuberto e asinado, conforme o modelo do anexo I. Só se valorarán os méritos que figuren na solicitude, de acordo co anexo II.
– Copia do DNI ou equivalente.
– Certificado do recoñecemento, grao e tipoloxía da discapacidade.
– Declaración responsable de non contar con experiencia laboral, nin por conta propia nin por conta allea, no último ano, contado a partir da data de publicación da resolución de convocatoria das bolsas no Diario Oficial de Galicia ou, cando menos, que tal experiencia non excede os tres meses en tal período.
– Declaración responsable de non ter sido beneficiarias de bolsa ou práctica remunerada nalgunha Administración pública no último ano.
– Relación de méritos que as solicitantes someten a valoración consonte estas bases, presentados de acordo co anexo II da convocatoria.
Prazo de presentación.
O prazo de presentación será de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.