VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, INDUSTRIA E INNOVACIÓN
Obxecto
O obxecto é a creación e o lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural (código de procedemento CO300H).
Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que non concorra ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia situados en zonas rurais e cunha poboación inferior a 10.000 habitantes.
Os concellos deben cumprir co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, nos termos previstos no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro , polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
b) Grupos de desenvolvemento rural (GDR) recoñecidos polo Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), do 16 de novembro de 2016, polo que se resolve a convocatoria sobre a selección de estratexias de desenvolvemento local e de grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión da medida Leader de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo remata o último día do mes.