AXENCIA TURISMO DE GALICIA
Obxecto e réxime
As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto contribuír á mellora da calidade dos albergues turísticos mediante a realización de investimentos en dixitalización, eficiencia enerxética e mellora das instalacións e dos servizos.
O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 (inclúe autónomos que cumpran a condición de pequena empresa), incluídas na definición de albergues turísticos recollida no artigo 74 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, que teñan o seu domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que se solicita a axuda, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado o establecemento, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT).
A Axencia Turismo de Galicia poderá realizar as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de pequena ou mediana empresa, segundo a definición establecida pola Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L124, do 20.5.2003).
Quedan excluídos desta convocatoria os albergues de peregrinos de titularidade publica, os albergues xuvenís integrados na rede de albergues xuvenís e os establecementos dedicados a aloxamento en salas colectivas por motivos escolares, educativos ou sociais, como zonas provisionais destinadas a eventos culturais, deportivas ou recreativas.
As entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención. No caso de que o/a representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.
Para os efectos das axudas de minimis, e conforme a normativa aplicable, enténdese por empresa calquera entidade que exerza unha actividade económica, con independencia da súa natureza xurídica e da súa forma de financiamento.
En todo caso, a entidade solicitante das axudas deberá acreditar que exerce actividade económica, para os efectos do previsto no parágrafo anterior.
Os requisitos para ser beneficiarias deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
Non poderán obter a condición de beneficiarias:
– Aquelas entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
– Aquelas entidades que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Prazo de xustificación da subvención
A entrega da documentación xustificativa terá de prazo ata o 30 de outubro de 2022.