jueves, 7 de julio de 2022

AXUDAS PARA O SECTOR EDITORIAL GALEGO 2022

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

ORDE do 16 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais no ano 2022, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT238A).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións a aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras.
As axudas van dirixidas a apoiar o sector editorial galego, no que se refire aos gastos derivados da edición (produción), distribución e comercialización das súas publicacións, nos idiomas cooficiais en Galicia ou noutros idiomas, editadas e distribuídas entre o 1.9.2021 e o 30.9.2022.
Para os efectos da presente orde considéranse gastos de edición os de autoría, corrección, revisión, maquetación, custos de preimpresión e de impresión, dixitalización ou calquera outro gasto de similar natureza.
Distribución: transporte e calquera actuación que permita a chegada da obra ás canles de difusión, sexan físicos ou dixitais.
Comercialización: campañas de márketing e/ou publicidade en diferentes medios ou canles.
Polo menos a maquetación, impresión e distribución deberá estar realizada no período indicado no parágrafo segundo deste artigo.
2. Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2022.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras, para o cal deben estar dadas de alta na epígrafe 476.1 Edición de libros do imposto de actividades económicas, e que conten cun departamento de edición en Galicia, antes do 1 de xaneiro de 2022, de acordo co establecido na presente orde.
2. Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aquelas solicitantes que se atopen nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.