INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO
Obxecto das axudas1. As axudas do bono de alugueiro social están destinadas a atender, con carácter urxente, os seguintes colectivos:
a) Aquelas unidades de convivencia que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda por estaren inmersas en situacións de especial dificultade que determinaron que a persoa arrendadora interpuxese unha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas.
b) As unidades de convivencia das vítimas de violencia de xénero que teñan dificultade para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda. Para os efectos deste programa, incluiranse as mulleres vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor ou, no caso de mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación.
Terán tamén esa consideración as mulleres que padecesen violencia vicaria ou violencia por interposita persona, con resultado de morte, así como as fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se encontrasen nunha situación de dependencia económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima.
c) Aquelas unidades de convivencia con dificultades para asumiren o custo do arrendamento dunha vivenda e que fosen privadas da súa vivenda habitual, que posúen en calidade de propietarias ou usufrutuarias, por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc. Excepcionalmente, poderán acceder a esta axuda as persoas arrendatarias destas vivendas sempre que se acredite no informe dos servizos municipais a xustificación da excepcionalidade, a inexistencia de alternativas e a situación de vulnerabilidade da unidade de convivencia.
d) Aquelas unidades de convivencia ás cales, tendo sido arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de titularidade do IGVS, lle finalizase a vixencia do seu contrato, unha vez publicada esta resolución.
e) Aquelas unidades de convivencia ás cales, por concorreren circunstancias de emerxencia social e non acadaren o límite mínimo de ingresos establecido no Programa de vivendas baleiras cos concellos, a Comisión de Seguimento e Coordinación do citado programa lles propoña a adxudicación dunha vivenda.
f) Aquelas unidades de convivencia que, sendo residentes en vivendas de entidades financeiras ou da Sociedade de Xestión de Activos Procedentes de Reestruturación Bancaria (Sareb), en virtude dos convenios de colaboración subscritos entre o IGVS e as citadas entidades, rematasen a vixencia do seu contrato de arrendamento dentro dos seis meses anteriores á data de presentación da súa solicitude de axuda do Programa do bono alugueiro social.
g) Os/as mozos/as menores de idade tutelados pola Xunta de Galicia, unha vez que acaden a maioría de idade e saian do réxime de tutela, co obxecto de facilitarlles o acceso a unha vivenda en réxime de arrendamento.
h) As persoas que fosen privadas da súa vivenda habitual como consecuencia de procedementos xudiciais de execución hipotecaria ou dun acordo extraxudicial de venda ou dación en pagamento a entidades financeiras.
i) As persoas que sexan beneficiarias do bono de alugueiro social, ou que estean en situación de prórroga, con base nas convocatorias anteriores, sempre que acrediten que continúan en situación de vulnerabilidade.
2. Excepcionalmente, poderase conceder esta axuda en situacións de emerxencia ou catástrofe, cando así o considere o Consello da Xunta, en atención á extrema urxencia da súa situación.
Requisitos das persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa as que cumpran os seguintes requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso dos estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estadía ou residencia en España.
b) Estar empadroadas e ter residencia efectiva nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia durante os doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da axuda.
Nos casos das vítimas de trata con fins de explotación sexual e no suposto previsto no punto 2 do ordinal anterior, será suficiente con que acrediten que están empadroadas nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia e que posúen autorización de residencia por circunstancias excepcionais.
c) Ser titulares ou estar en condicións de subscribir un contrato de arrendamento de vivenda nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha duración mínima dun ano, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.
No caso dos/das menores orfos/as por violencia de xénero ou vítimas de trata menores de idade, o contrato de arrendamento poderá ser asinado pola persoa que posúa a patria potestade, tutela ou acollemento familiar permanente do/da dito/a menor, nos termos que se determine na normativa aplicable.
d) Que a vivenda obxecto do contrato de arrendamento constitúa ou vaia constituír o seu domicilio habitual e permanente.
e) Que a renda do contrato de arrendamento non supere os importes sinalados no ordinal oitavo destas bases reguladoras.
f) Que os ingresos da unidade de convivencia da persoa beneficiaria, computados conforme establece o ordinal sétimo destas bases reguladoras, sexan iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM ponderado, coa excepción das fillas e fillos maiores de idade, pero menores de 30 anos, das vítimas mortais por violencia de xénero, que dependesen economicamente da nai e/ou do agresor, caso en que os ingresos deberán ser iguais ou inferiores a doce mensualidades do IPREM.
g) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da unidade de convivencia teña vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendadora. Aplicarase esta mesma exixencia cando a parte arrendadora sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios ou partícipes.
h) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia teña no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito as persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten a non dispoñibilidade dela por causa de separación, divorcio ou por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte insuficiente ou inadecuada por razóns de habitabilidade e/ou mobilidade, e no suposto das vítimas de violencia de xénero, ademais, cando a ocupación da vivenda que ten en propiedade ou usufruto sexa incompatible coa dita situación de violencia de xénero.
Para os efectos anteriores, considerarase:
– Vivenda insuficiente, aquela en que a cada ocupante lle correspondan menos de dez metros cadrados de superficie útil. Non se computará, para estes efectos, a correspondente a baños, corredores e tendais.
– Vivenda inadecuada por razóns de habitabilidade, aquela que se encontre en situación legal de ruína, así como aqueloutra que teña deficiencias que afecten de forma notoria a súa habitabilidade.
– Vivenda inadecuada por razóns de mobilidade, aquela que pola súa configuración arquitectónica e/ou accesos implique unha grave perda de funcionalidade para unha persoa con mobilidade reducida.
i) Que non sexan arrendatarias de vivendas xestionadas polo IGVS.
j) De conformidade co previsto no artigo 23.5 do Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas as persoas que incorran nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, agás a do cumprimento do regulado na letra e) do punto 2 do dito artigo 13. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarias aquelas ás cales o IGVS lles revogase algunha das axudas recollidas neste ou no anterior Plan estatal de vivenda por incumprimento ou causa imputable ao solicitante.
2. No caso de persoas afectadas pola interposición dunha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas, deberán cumprir, ademais dos requisitos sinalados no punto 1, os seguintes:
a) Que entre a comunicación da interposición da demanda e a presentación da solicitude da axuda non transcorresen máis de nove meses, agás nos supostos en que se acredite que houbo unha suspensión do procedemento de desafiuzamento ou do lanzamento desde a data da oportuna resolución xudicial.
b) Que o contrato de arrendamento que motivou o procedemento de desafiuzamento tivese unha duración igual ou superior aos doce meses.
c) Que non tivesen sido xa perceptoras das axudas do Programa do bono de alugueiro social por este mesmo motivo e a nova demanda se interpuxese por falta de pagamento da renda, gastos de comunidade ou subministracións durante o período en que percibiron as axudas do bono de alugueiro, nin cando quede acreditado que se causaron danos na vivenda que ocupaban.
3. No caso das vítimas de violencia de xénero, só se admitirá unha única solicitude por cada unidade de convivencia, que deberán cumprir, de ser o caso, ademais dos requisitos sinalados no punto 1, os seguintes:
a) Que, dentro do ano natural anterior á data de presentación da solicitude, cesase a convivencia co agresor ou coa persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación. No caso de violencia vicaria ou violencia por interposita persona, o feito causante deberá terse producido dentro do ano natural anterior ao da presentación da solicitude.
b) Que o documento acreditativo da situación de violencia fose emitido dentro dos doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude. No caso de acreditar a situación de violencia de xénero a través da orde de protección ou da medida cautelar, estas deberán estar vixentes na data de presentación da solicitude. Para estes efectos, o órgano xestor solicitará informe ao Punto de coordinación das ordes de protección de Galicia, dependente da Secretaría Xeral da Igualdade.
4. No caso das fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se encontrasen nunha situación de dependencia económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima, deberán cumprir, ademais dos previstos no número 1, os seguintes requisitos:
a) Que a persoa solicitante sexa menor de idade e estivese convivindo coa nai no momento da súa morte, independentemente da renda da unidade de convivencia.
b) Que a persoa solicitante sexa maior de idade e menor de 30 anos, e dependa economicamente da nai e/ou do agresor. Entenderase que existe dependencia económica cando, na data do falecemento, as fillas e os fillos perciban rendas, de calquera natureza, que en cómputo anual sexan iguais ou inferiores a doce mensualidades do IPREM.
5. No caso de unidades de convivencia, propietarias ou usufrutuarias da súa vivenda habitual, que fosen privadas dela por danos derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc., ademais dos requisitos sinalados no número 1, será necesario que a circunstancia imprevisible e sobrevida acaecese dentro dos seis meses anteriores á presentación da solicitude.
6. No caso de unidades de convivencia para as cales, tendo sido arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de titularidade do IGVS, finalizase a vixencia do seu contrato, ademais dos requisitos sinalados no número 1, será necesario que entre a finalización do contrato de arrendamento e a presentación da solicitude de axuda non transcorresen máis de tres meses.
7. No caso de unidades de convivencia en que, por concorreren circunstancias de emerxencia social e non acadaren o límite mínimo de ingresos establecido no Programa de vivendas baleiras cos concellos, a Comisión de Seguimento e Coordinación do citado programa lles propoña a adxudicación dunha vivenda no marco do citado programa, ademais de cumprir os requisitos sinalados no número 1, será necesario que a circunstancia excepcional que motiva a proposta de adxudicación da Comisión de Seguimento e Coordinación do Programa de vivendas baleiras resulte acreditada en virtude do informe dos servizos sociais do respectivo concello.
8. No caso dos/das mozos/as que, tendo estado tutelados pola Xunta de Galicia, cumpran a maioría de idade e reúnan os requisitos sinalados no número 1, poderán solicitar a axuda sempre que non transcorra o prazo dun ano contado desde a data en que saian do réxime de tutela da Xunta de Galicia.
9. No caso de unidades de convivencia de persoas privadas da súa vivenda habitual como consecuencia de procedementos xudiciais de execución hipotecaria ou dun acordo extraxudicial de venda ou dación en pagamento a entidades financeiras, deberán cumprir, ademais dos requisitos sinalados no número 1, que entre a data de presentación da solicitude da axuda e a data do decreto de adxudicación da vivenda ou, de ser o caso, do acordo extraxudicial análogo entre a entidade executante e a persoa afectada, non transcorresen máis de doce meses, agás no suposto de que se acredite a permanencia na vivenda en virtude de acordo asinado coa entidade.
10. No suposto de persoas que sexan beneficiarias do bono alugueiro social ou estean en situación de prórroga, con base nas convocatorias anteriores, deberán cumprir os requisitos sinalados no punto 1 e, ademais, acreditar mediante informe dos servizos sociais que continúan en situación de vulnerabilidade.
11. Nos supostos excepcionais de situacións de emerxencia ou catástrofe, os requisitos que se deberán cumprir virán determinados polo acordo do Consello da Xunta.
12. Non poderán acceder a estas axudas as persoas que, tendo sido beneficiarias das axudas do bono de alugueiro social ou do bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero, non continuasen percibíndoas por causas imputables á persoa beneficiaria.
13. En atención ao carácter prestacional destas axudas, non será requisito estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, da Seguridade Social nin coa Facenda autonómica para poder percibir estas axudas.
Solicitudes
1. A solicitude, tanto de concesión inicial como de concesión de prórroga, realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto (código de procedemento VI482F). As solicitudes deberanse dirixir á Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.
2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. No modelo de solicitude de concesión inicial ou de prórroga a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:
a) Declaración de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales.
b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade e o seu importe.
c) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia ten no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto, agás os supostos exceptuados no número 1 do ordinal sexto.
d) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa da unidade de convivencia ten vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non existe vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendadora da vivenda ou con calquera das persoas socias ou partícipes da persoa xurídica arrendadora, de ser o caso.
e) Declaración de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, agás o cumprimento do regulado na letra e) do citado precepto.
f) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
g) Declaración de que todos os datos da solicitude e dos documentos que se achegan son certos.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto permanentemente desde o día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o 30 de novembro de 2026 e, en todo caso, ata o esgotamento da dotación orzamentaria ou das súas ampliacións, que se farán constar no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.