jueves, 7 de julio de 2022

SUBVENCIÓNS PARA INVESTIMENTOS EN EQUIPAMENTOS POSCOVID DOS ESTABLECEMENTOS HOSTALEIROS

 AXENCIA TURISMO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para investimentos en equipamentos poscovid dos establecementos hostaleiros financiadas ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TU503E).

Obxecto e réxime
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto contribuír á modernización e á mellora da competitividade dos establecementos hostaleiros inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia mediante a realización de investimentos en equipamentos poscovid.
Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2022. En ningún caso se admitirán nin facturas nin xustificantes de pagamento anteriores ao 1 de xaneiro de 2022.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 (inclúe os autónomos que cumpran a condición de pequena empresa), do sector da hostalaría, que teñan o seu domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as cales se solicita a axuda, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia, o establecemento turístico para o cal se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, e que non fosen beneficiarias desta mesma subvención na convocatoria de 2021.
Para os efectos destas axudas considéranse dentro do sector da hostalaría os hoteis, hostais, casas rurais, albergues turísticos e outros tipos de aloxamentos, ademais de restaurantes, bares e outros establecementos de restauración, recollidos nos capítulos IV e V da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia. Quedan expresamente excluídas as vivendas de uso turístico reguladas no Decreto 12/2017, do 26 de xaneiro, polo que se establece a ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade Autónoma de Galicia.
A Axencia Turismo de Galicia fará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme.
2. As entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en adiante, REAT), con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención. No caso de que o/a representante legal non sexa o mesmo ca o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.
3. Para os efectos das axudas de minimis, conforme a normativa aplicable, enténdese por empresa calquera entidade que exerza unha actividade económica, con independencia da súa natureza xurídica e da súa forma de financiamento.
En todo caso, a entidade solicitante das axudas deberá acreditar que exerce actividade económica, para os efectos do previsto no parágrafo anterior.
4. Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
5. Non poderán obter a condición de beneficiarias:
• Aquelas entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
• Aquelas entidades que foran sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Prazo de xustificación da subvención
A entrega da documentación xustificativa terá de prazo ata o 14 de novembro de 2022.