CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE
Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto apoiar e fomentar o emprendemento feminino en Galicia e a creación de emprego, por conta propia e por conta allea, para mulleres.
O programa Emega comprende as seguintes liñas e axuda complementaria: a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais; b) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación, consolidación e mellora de empresas para paliar unha situación económica adversa e acadar o necesario equilibrio empresarial para asegurar a súa pervivencia e consolidación no actual contexto económico; c) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica; d) Axuda complementaria Concilia: co obxecto de a promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, en dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen os seus plans de reactivación e/ou mellora no período comprendido entre o 1 de agosto de 2021 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes, sempre que cumpran todas as condicións e requisitos comúns e os específicos da correspondente liña ou tipo de axuda previstos nas bases reguladoras.
Debe tratarse de empresas coa categoría de micro ou pequenas empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten: empresarias individuais, sociedades civís ou sociedades mercantís, incluídas as sociedades laborais e as cooperativas de traballo asociado.
Importe
A contía das axudas establécese en función da liña solicitada e do número de postos de traballo xerados ou mantidos para mulleres, por conta propia e por conta allea, de acordo co seguinte:
a) Liña Emprende: incentivos desde 10.000 € ata 22.000 €.
b) Liña Activa: incentivos desde 8.000 € ata 17.000 €.
c) Liña ITEF: incentivos desde 18.000 € ata 42.000 €.
d) Axuda complementaria Concilia:
• Concilia-promotoras: incentivo de 3.000 €.
• Concilia-persoas traballadoras por conta allea: incentivos desde 1.000 € a 5.000 €.
Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de catro millóns trescentos setenta e oito mil cincocentos sesenta e tres euros (4.378.563 €). Estas axudas están financiadas con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 nunha porcentaxe do 100 %.
Estas axudas están sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.