CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE
ORDE do 12 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TR352A).
Obxecto
Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e das condicións polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro sinaladas no artigo 3, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia de xénero desempregadas para a realización de servizos de interese xeral e social (código de procedemento TR352A), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro que, na data de publicación da presente convocatoria, estean inscritas na categoría de iniciativa social do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), cuxa actividade principal estea dirixida a desenvolver ou fomentar accións específicas para a inserción das persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, servizos comunitarios, igualdade, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres, de conformidade coas áreas de actuación recollidas no RUEPSS (comunidade, dependencia, discapacidade, inclusión, maiores, familia, infancia, menores e igualdade), sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
As entidades deberán dispoñer dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.