VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto regular as axudas correspondentes ao programa Conecta con Galicia para o ano 2015, que ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.
2. Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria das devanditas axudas para o ano 2015.
Modalidades
O programa Conecta con Galicia desenvolverase nas seguintes modalidades:
1. Actividades de aire libre: convócanse 174 prazas, para mozos e mozas residentes fóra de Galicia, con idades comprendidas entre os 14 e os 20 anos, en dúas quendas de doce (12) días de duración cada unha, durante o mes de xullo, en residencias e albergues xuvenís situados en Galicia dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar, xunto con mozos e mozas residentes en Galicia, para a realización das seguintes actividades:
a) Cultura e camiño. As persoas participantes aloxaranse seis (6) días, preferentemente, nas residencias xuvenís LUG II en Lugo e Florentino López Cuevillas en Ourense, participando en actividades para coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas e percorrendo o Camiño de Santiago en diferentes etapas ata chegar a Compostela.
b) O mar de Galicia. Os seis (6) días restantes aloxaranse en zona de costa, preferentemente, no albergue xuvenil Gandarío en Bergondo (A Coruña), onde realizarán actividades de náutica, de recreo e de coñecemento do medio mariño.
A distribución do número de prazas para cada país de orixe, idades e quendas detállase no anexo I.
2. Campos de traballo: convócanse 22 prazas para mozos e mozas con idades comprendidas entre os 20 e os 30 anos. As instalacións e datas concretas adaptaranse ao disposto na convocatoria do Programa de campos de traballo da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Trátase de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da nosa cultura, da mellora ambiental do noso contorno e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico. Ademais do traballo, ofrécese un programa con actividades de convivencia, de formación, de lecer e tempo libre.
Persoas beneficiarias e requisitos
1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter a súa residencia habitual fóra de Galicia.
b) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de persoa emigrante galega.
c) Ter a nacionalidade española.
d) Atoparse vinculadas con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes, para aquelas persoas solicitantes que teñan 18 ou máis anos á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Este requisito non será exixible ás persoas participantes procedentes do resto de España.
e) As persoas participantes en actividades de aire libre deberán ter, a 30 de xuño de 2015, unha idade comprendida entre os 14 e os 20 anos.
f) As persoas participantes na modalidade de campos de traballo deberán ter, a 30 de xuño de 2015, unha idade comprendida entre os 20 e os 30 anos.
g) Non ter participado na mesma modalidade en edicións anteriores deste programa.
h) Para as prazas financiadas ao 100 % da axuda do custo da viaxe, as persoas solicitantes non poderán ter ingresos superiores a dúas veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente de referencia no país de residencia para o ano desta convocatoria. Para as persoas solicitantes residentes en Cuba, os ingresos non poderán ser superiores á prestación económica por ancianidade establecida polo Estado español para o ano desta convocatoria.
Para as prazas financiadas ao 50 % da axuda do custo da viaxe, as persoas solicitantes non poderán ter ingresos superiores a catro veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente de referencia no país de residencia para o ano desta convocatoria.
Malia o disposto nos parágrafos anteriores, se a persoa solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes segundo o previsto neles, pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número das persoas que convivan menos unha.
Para o resto das prazas, non se establecerá límite de ingresos.
Prazo de solicitude: ata o 2 de marzo de 2015.