CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR
Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2015:
1. As axudas de compensacións complementarias por lucro cesante nos casos de inactividade nunha explotación de gando bovino, ovino e cabrún, rexistrada en Galicia, por motivo da vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades destas especies, levados a cabo no marco de programas ou actuacións sanitarias oficiais.
2. As axudas para a compra de animais das especies bovina, ovina e cabrúa que teña por obxecto a reposición de efectivos, naquelas explotacións rexistradas en Galicia en que se ordenou o sacrificio de animais destas especies, despois do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación; tamén se incluirán os casos de animais desas especies que morresen neses marcos sanitarios oficiais citados, e os casos de morte/sacrificio deses animais a consecuencia dun programa oficial obrigatorio de vacinación.
Beneficiarios
1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas de compensacións complementarias por lucro cesante as persoas titulares (físicas e xurídicas) de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas en que se sacrificase ou destruíse de forma preventiva a totalidade do seu censo, por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación.
2. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas para a compra de animais de reposición, as persoas titulares (físicas e xurídicas) de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas, en que se ordenase o sacrificio obrigatorio de animais existentes nelas, e como consecuencia do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación, así como as persoas titulares daquelas explotacións onde morresen ou se practicase a eutanasia de animais das ditas especies, por mor dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación, ou por mor dun programa oficial obrigatorio de vacinación.
3. As persoas solicitantes (físicas e xurídicas) das axudas establecidas nesta orde, para seren beneficiarias delas deberán ter a condición de pemes, de acordo co disposto no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
4. No cumprimento do artigo 1.6.b) ii) do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, as peme beneficiarias do presente réxime de axudas non terán a consideración de empresas en crise, segundo a definición destas establecida no artigo 2.14 deste regulamento, agás que a empresa se convertese nunha empresa en crise por mor dos danos ou perdas causadas polas enfermidades animais recollidas na lista da Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE) ou nos anexos I e II do Regulamento (UE) nº 652/2014 do Parlamento Europeo e do Consello.
5. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades:
a) Que se atopen en calquera das circunstancias sinaladas no artigo 10, puntos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13, puntos 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Así mesmo, será de obrigado cumprimento a apreciación recollida no artigo 14 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
b) Que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente, despois dunha decisión previa da Comisión que declarara unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior, e en cumprimento do artigo 1.5.a) do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño.
Prazo de solicitude:
O prazo de presentación de solicitudes para as axudas establecidas nesta orde será desde o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata o día 30 de novembro de 2015, incluíndo ambas as dúas datas no cómputo do prazo. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.