AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN
Convocatoria e bases reguladoras
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións da Axencia Galega de Innovación dirixidas aos organismos de investigación de Galicia para:
– A creación e posta en marcha de unidades mixtas de investigación.
O impulso á consolidación de unidades mixtas de investigación xa existentes.
Estas unidades mixtas concíbense como un instrumento favorecedor da cooperación entre os organismos de investigación e o tecido empresarial para desenvolver de forma conxunta e coordinada actividades de investigación, innovación e desenvolvemento.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para o ano 2015 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código de procedemento IN853A).
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarios destas subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos na convocatoria, os organismos de investigación de Galicia que teñan constituída unha unidade mixta de investigación cunha empresa. Tal e como se recolle no artigo 2.83) do Regulamento (UE) nº 651/2014, considéranse organismos de investigación e difusión de coñecementos as entidades, independentemente da súa personalidade xurídica (de dereito público ou privado) ou forma de financiamento, cuxo principal obxectivo sexa realizar de maneira independente investigación fundamental, investigación industrial ou desenvolvemento experimental ou difundir amplamente os resultados destas actividades mediante o ensino, a publicación ou a transferencia de coñecementos. Cando unha entidade deste tipo leve a cabo tamén actividades económicas, o financiamento, os custos e os ingresos das ditas actividades deberán contabilizarse por separado. Ademais, as empresas que poidan exercer unha influencia decisiva nas ditas entidades, por exemplo, en calidade de accionistas ou membros, poderán non gozar de acceso preferente aos resultados que xere.
Así, no marco desta resolución consideraranse organismos de investigación:
– Os centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica de Galicia.
– As universidades do sistema universitario galego.
– Os centros en Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas.
– Os centros en Galicia do Instituto Español de Oceanografía.
– As fundacións de investigación sanitaria de Galicia.
– Outros organismos de investigación de Galicia.
Prazo de solicitude: ata o 23 de marzo de 2015.