VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Obxecto e réxime das axudas
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións da Secretaría Xeral da Emigración que teñen por finalidade a concesión de axudas extraordinarias e non periódicas dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas, para axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2015.
3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e coas garantías previstas no artigo 31.4 da dita lei, con base no disposto no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Para estes efectos, a concesión destas axudas estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia a indicada circunstancia, o que levará consigo a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. No caso de que o crédito establecido para esta subvención non sexa suficiente para proceder ao pagamento de todas as subvencións solicitadas, aplicarase, como criterio de prioridade, a data de presentación das solicitudes con toda a documentación relacionada no artigo 9.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas:
a) As persoas galegas e nacidas en Galicia que, residindo fóra de España, retornen á Comunidade Autónoma galega.
b) Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as fillos/as das persoas relacionadas na letra a) con residencia no estranxeiro que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.
Para os efectos do establecido neste punto, terá a condición de parella de feito a que figure inscrita como tal no correspondente Rexistro de Parellas de Feito de Galicia regulado polo Decreto 248/2007, do 20 de decembro.
2. As persoas beneficiarias deberán acreditar estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno e ter a súa residencia actual en Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2015, inclusive.