miércoles, 28 de enero de 2015

SUBVENCIÓN Á REMUDA COMERCIAL

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA


Obxecto e réxime das subvencións
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto facilitar a remuda comercial dos pequenos comerciantes individuais autónomos que transmitan o seu negocio a un terceiro, asegurando a súa continuidade e fomentando a rexeneración do tecido comercial.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, que no seu artigo 19.2º establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4º desta lei.
O procedemento de concesión destas subvencións quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos de 200.000 euros nun período de tres anos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión da Unión Europea, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013,L352/1).
3. As contías da subvención serán as seguintes:
a) Os transmisores que teñan a idade ordinaria para causar a pensión de xubilación percibirán un pagamento único, con independencia do número de establecementos comerciais que se posúan e a variedade de actividades comerciais que se viñesen desenvolvendo, que se fixa na cantidade de oitocentos euros (800,00 €).
b) Os transmisores que non teñan acadado a idade ordinaria de xubilación percibirán un pagamento único, con independencia do número de establecementos comerciais que se posúan e a variedade de actividades comerciais que se viñesen desenvolvendo, a razón de oitocentos euros (800,00 €) mensuais ata o último mes en que cumpran a idade ordinaria de xubilación legalmente establecida, contados desde o mes seguinte á resolución de concesión.
c) Os adquirentes do negocio comercial percibirán un pagamento único de dos mil euros (2.000 €), con independencia do número de establecementos que adquiran.
4. Durante o período de percepción das axudas reguladas nesta orde, os transmisores beneficiarios quedarán coa obriga de cotizar no correspondente réxime da Seguridade Social, no caso de que deban seguir cotizando para cubrir o período mínimo de cotización establecido, e deberán ser as propias persoas beneficiarias as que fagan o pagamento das devanditas cotas de cotización á Seguridade Social, e a subscrición, de ser o caso, do correspondente convenio, ou documentación acreditativa de causar baixa no réxime de autónomos, se non se subscribe.
5. A Dirección Xeral de Comercio poderá solicitar das persoas beneficiarias o cumprimento do indicado nos preceptos anteriores, así como realizar cantas xestións sexan precisas para a súa comprobación.
6. As persoas solicitantes ou beneficiarias deberán comunicar, o antes posible, toda variación, no referente a súa situación respecto á Seguridade Social que se produza e, en todo caso, nun prazo non superior aos dez días seguintes ao da recepción da documentación acreditativa de tales circunstancias. Así mesmo, no caso de falecemento dalgún solicitante ou beneficiario, este feito deberá ser comunicado polos seus herdeiros inmediatamente, xuntando a correspondente certificación de defunción.
Beneficiarios/as
1. Poderán ser beneficiarios/as das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, os/as comerciantes retallistas que teñan capacidade legal para exercer o comercio e se dediquen a el de xeito habitual, de acordo coa definición establecida no artigo 1 do Código de comercio que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e, así mesmo, o seu domicilio social e fiscal radique na dita comunidade autónoma.
b) Ter unha idade mínima de 64 anos cumpridos na data en que se presenta a solicitude.
c) Exercer, como titular do comercio, unha ou varias das actividades comerciais relacionadas no anexo II, de forma ininterrompida durante os últimos dez anos.
Non obstante, considerarase cumprido este requisito polo comerciante que sucedese ou substituíse no exercicio da actividade comercial que viña desenvolvendo o seu cónxuxe, tras o falecemento deste ou tras o abandono deste de toda actividade comercial, antes da entrada en vigor desta orde, sempre que entre ambos os dous sumen os dez anos exixidos.
No caso de que a persoa solicitante estea dada de alta en dúas ou máis epígrafes do IAE, será considerada beneficiaria sempre que a actividade principal estea incluída dentro das agrupacións citadas. Considerarase actividade principal aquela que resulte de conxugar os elementos de facturación e superficie de venda destinada á actividade, que deberá acreditarse, se é o caso, coa presentación da declaración da renda do último exercicio.
d) Estar dado de alta no réxime de traballadores autónomos da Seguridade Social nos dez últimos anos de forma ininterrompida e ter cotizado á Seguridade Social un período previo tal que lle permita completar o período de carencia exixido para causar dereito á pensión de xubilación, polo menos, ao chegar á idade ordinaria de xubilación.
e) Designar a persoa física continuadora da actividade, con capacidade legal para exercer o comercio.
f) Que figure inscrito no Rexistro Galego de Comercio ou ter solicitada a inscrición con anterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
2. Tamén se considerarán beneficiarios/as as persoas designadas polo solicitante para a remuda comercial, con capacidade legal para exercer o comercio, quedando vinculadas ambas as persoas para a concesión da subvención.
En ningún caso pode un cónxuxe ser adquirente do outro cónxuxe que transmite a actividade comercial.
Non poderán acadar a condición de beneficiarios aqueles solicitantes en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de solicitude: ata o 31 de agosto de 2015.