CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA
Obxecto
Esta orde ten por finalidade o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións ás entidades que presten servizos de orientación laboral para o emprego e asistencia para o autoemprego, articulados en itinerarios personalizados para o emprego e dirixidos a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, a través da contratación de persoal técnico de orientación laboral, no ámbito da colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria coas entidades locais e entidades sen ánimo de lucro, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na mellora da empregabilidade e ocupabilidade das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia (código do procedemento TR331A).
Entidades beneficiarias
a) As entidades locais, coa excepción das entidades de ámbito territorial provincial, ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha das anteriores, cuxa titularidade corresponda integramente a esta, sempre que por si soas ou asociadas entre concellos limítrofes teñan unha media de paro rexistrado no ano 2018 superior a 350 persoas ou formen parte dunha agrupación que comprenda, cando menos, tres concellos limítrofes galegos (ou dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos).
Neste caso, un mesmo concello non poderá presentar solicitude por si só e en agrupación a través de convenio de colaboración.
b) As confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia, e as fundacións delas dependentes con experiencia na realización de accións de orientación laboral.
c) As entidades sen ánimo de lucro especializadas en atención a persoas con discapacidade, así como aquelas entidades que teñan por obxecto a atención a un colectivo específico de persoas en determinadas situacións de exclusión social (por razóns étnicas, adiccións, exreclusos, etc.), que realicen accións de orientación laboral de acordo co previsto nestas bases reguladoras. A entidade solicitante deberá xustificar e cuantificar a súa atención a un número significativo de persoas na dita situación.
d) As entidades sen ánimo de lucro non incluídas na alínea anterior que teñan entre as súas finalidades a atención a colectivos de persoas en risco ou situación de vulnerabilidade ou exclusión social que realicen accións de orientación laboral de acordo co previsto nestas bases reguladoras. A entidade solicitante deberá xustificar e cuantificar a súa atención a un número significativo de persoas na dita situación.
Prazo de presentación de solicitudes
Un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.