INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO
Finalidade
Esta resolución ten por obxecto convocar, para a anualidade 2019, as axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas (código de procedemento VI406B), que poderán consistir en:
a) Préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas concedidos polas entidades de crédito, no ámbito dos convenios asinados para estes efectos co Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).
b) Axudas económicas directas, consistentes na subsidiación dos xuros do préstamo cualificado outorgado pola entidade financeira.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas que promovan as actuacións de rehabilitación, xa sexan propietarias xa teñan calquera outro título que acredite a posesión do inmoble. Non obstante, no caso de actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias, só poderán ser beneficiarias as persoas que sexan membros da dita comunidade e en función da súa porcentaxe de participación nas obras.
No suposto de que unha vivenda ou edificio pertenza pro indiviso a varias persoas e as actuacións sexan promovidas por estas, só poderá ter a condición de beneficiaria destas axudas unha soa delas.
2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas propietarias de locais, agás os casos en que se pretenda a súa conversión en vivenda.
3. Para acceder aos préstamos cualificados, os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante non poderán ser superiores a 6,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM).
4. Para acceder ás axudas económicas directas, os ingresos da unidade de convivencia non poderán ser superiores a 5,5 veces o IPREM.
5. Para os efectos previstos nos números 3 e 4, o cómputo de ingresos da unidade de convivencia efectuarase na forma prevista no artigo 9 da Orde do 19 de setembro de 2016.
6. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de outubro de 2019 e, respecto ás axudas económicas directas de subsidiación, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.