AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN
Finalidade
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación ao abeiro da terceira convocatoria do programa Industrias do futuro 4.0. Este programa, incluído no plan de acción da RIS3 Galicia, ten por obxectivo o fomento do investimento privado para o financiamento da innovación a través do apoio a grandes proxectos empresariais de I+D+i de carácter estratéxico para o tecido industrial galego, centrados no desenvolvemento de tecnoloxías industriais clave para acadar un modelo produtivo innovador. Estes proxectos deberán estar en liña coas tendencias internacionais da fábrica do futuro, fábrica intelixente e da industria 4.0.
Os proxectos deberán ser estratéxicos para a renovación do modelo produtivo e actuar como tractores nos ámbitos máis destacados da economía de Galicia, cun efecto de transformación do tecido industrial galego cara a unha competitividade baseada na innovación, contribuíndo a conseguir unha «industria intelixente», para 2020. Ademais, caracterizaranse por un uso intensivo das tecnoloxías facilitadoras (TFE) para obter procesos e produtos de alto valor engadido en liña coas tendencias internacionais da fábrica do futuro, fábrica intelixente e da industria 4.0, sempre aliñados co reto 2 da RIS3 galega.
Poderán estar centrados na mellora de procesos, buscando avanzar na súa eficiencia e flexibilidade, na mellora de produtos, de forma que se xeren produtos novos ou con novas funcionalidades para adaptalos ás novas tendencias e nos novos modelos de negocio, a través das tecnoloxías que conecten o mundo físico co dixital, as tecnoloxías que permitan a comunicación e o tratamento dos datos e as tecnoloxías que faciliten a xestión intelixente das operacións, así como o traballo colaborativo con outras empresas.
Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2019, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código de procedemento IN854A). As axudas concedidas no marco da presente resolución axústanse ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas:
a) Empresas industriais cun establecemento permanente legalmente constituído en Galicia que poidan liderar proxectos empresariais de I+D+i de carácter estratéxico. As empresas poderán ser grandes ou pemes.
b) Agrupacións dunha empresa ou empresas e un organismo de investigación e difusión, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, que realicen proxectos en cooperación.
Recóllense dúas modalidades de participación: individual ou en cooperación. Os organismos de investigación só poderán participar na modalidade en cooperación.
Poderán participar na modalidade de proxectos individuais unha peme ou unha empresa grande, no caso de proxectos de I+D. No caso de proxectos de innovación en materia de organización e de procesos, para a modalidade de participación individual, só poderá participar unha peme.
As entidades participantes en proxectos en cooperación deberán formar unha agrupación xurídica, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007. Esta agrupación estará constituída por:
No caso de proxectos de I+D:
– Empresas, pemes ou grandes, que pertenzan a un mesmo grupo empresarial ou por empresa/s, pemes ou grandes, que pertenzan a un mesmo grupo empresarial e un único organismo de investigación e difusión.
No caso de proxectos de innovación en materia de organización e procesos:
– Empresas, como máximo de dous grupos empresariais diferentes, en que será necesario que unha delas sexa unha peme.
Deberán ser proxectos empresariais de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación en materia de organización e de procesos, e terán un orzamento subvencionable mínimo de 2.000.000 de euros e máximo de 10.000.000 de euros.
Prazo de presentación de solicitudes
A empresa líder da agrupación presentará a solicitude no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.
Esta convocatoria inclúe dúas edicións e, polo tanto, os prazos serán dous tal e como se detalla na táboa seguinte:
Edición Inicio do prazo de presentación de solicitudes Prazo de presentación de solicitudes
1ª edición O día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG Un mes
2ª edición Desde o día seguinte ao da publicación da resolución de concesión da 1ª edición no DOG Ata o 31.7.2019