INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO
Obxecto
Estas subvencións están dirixidas ás persoas físicas propietarias ou usufrutuarias das vivendas en que se realizaron actuacións para a súa incorporación ao Programa de vivendas baleiras, no ámbito do Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora do acceso á vivenda 2015-2020.
Serán subvencionables as seguintes actuacións:
a) Obras de conservación e mantemento.
b) Obras de rehabilitación precisas para garantir a habitabilidade da vivenda, así como o correcto funcionamento das súas instalacións ou a súa adaptación á normativa vixente.
c) Axustes na distribución interior da vivenda que non impliquen unha alteración substancial da súa configuración.
d) Nas actuacións de reparación, rehabilitación ou conservación de fachadas, carpintaría exterior ou cuberta das edificacións seguiranse os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.
Persoas beneficiarias
Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias das vivendas e, pola súa vez, promotoras das actuacións subvencionables.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e terminará cando se esgote partida orzamentaria contida nesta convocatoria e, en todo caso, o día 29 de novembro de 2019.