viernes, 15 de febrero de 2019

AXUDAS Á NOVA PARTICIPACIÓN DE AGRICULTORES EN RÉXIMES DE CALIDADE

AXENCIA GALEGA DA CALIDADE ALIMENTARIA

RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento MR362A).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, así como proceder a súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2019 (código de procedemento MR362A).
Serán subvencionables os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade e a cota anual de participación no dito réxime, incluídos, de ser o caso, os custos dos controis necesarios para comprobar o cumprimento do prego de condicións do réxime. Non se considerarán subvencionables os custos internos ou de autocontrol.
2. A contía da axuda será do 100 % dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de cinco anos.
3. Non se tramitarán expedientes cuxa contía non supere os 50 euros.

Beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias, que cumpran a condición de agricultor activo conforme o establecido no artigo 9 do Regulamento (UE) núm. 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e no capítulo I do título II do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, e que participen por primeira vez nalgún dos réximes de calidade dos produtos agroalimentarios definidos na letra b) do artigo 2 e recollidos no PDR de Galicia 2014-2020. En todo caso, a data da alta no réxime de calidade ten que ser posterior ao 18 de novembro de 2015, data de aprobación do PDR de Galicia 2014-2020, e anterior á data límite do período subvencionable que se defina en cada convocatoria.
2. No caso do programa de calidade relativo á produción ecolóxica, tamén terá a consideración de nova participación aquela que se refira a agricultores/as que, tendo previamente actividade no dito programa, inicien a actividade de produción ecolóxica con destino ao mercado en relación con algunha nova orientación produtiva. En todo caso, esta nova orientación produtiva debe ter unha dimensión económica suficiente para superar a consideración de actividade de autoconsumo. Para estes efectos, no anexo III recóllense, para distintas orientacións produtivas, os valores que se deben superar para considerar que a actividade ten vocación comercial e, polo tanto, está por riba dos valores do mero autoconsumo.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.