jueves, 7 de febrero de 2019

PRIMAS DE MANTEMENTO DAS AXUDAS PARA O ESTABLECEMENTO DE SISTEMAS AGROFORESTAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2019 para a concesión das primas de mantemento dos anos 2019, 2020 e 2021, para os expedientes aprobados ao abeiro da Orde do 22 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o establecemento de sistemas agroforestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (en diante, Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia (en diante, PDR) 2014-2020 (DOG número 120, do 27 de xuño de 2016, procedemento MR674A), en réxime de concorrencia non competitiva.
2. Estas axudas ampáranse nos artigos 21.1 e 22 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello (DOUE do 20 de diciembre de 2013, L347), e tramítanse ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 aprobado por Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, e modificado mediante Decisión de execución da Comisión C (2017) 5420 final, do 26 de xullo de 2017, e por Decisión de execución da Comisión C (2018) 5236 final, do 30 de xullo de 2018.
3. Estas primas teñen como finalidade contribuír ao coidado, mantemento e demais traballos forestais posteriores á plantación, financiando os traballos mediante unha prima de mantemento anual nos primeiros anos de existencia das plantacións realizadas.

Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios todos os titulares dos expedientes pagados antes do 31 de decembro de 2018 ao abeiro da Orde do 22 de xuño de 2016 (DOG núm. 120, do 27 de xuño de 2016, procedemento MR674A), e que soliciten as primas previstas nesta orde.
2. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Non poderán ser beneficiarias as entidades de dereito público nin locais.
4. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Unha empresa está en crise cando concorre, polo menos, unha das seguintes circunstancias:
a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.
b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.
c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.
As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na letra c).
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.