miércoles, 13 de febrero de 2019

AXUDAS AOS INVESTIMENTOS EN TECNOLOXÍAS FORESTAIS, PROCESAMENTO, MOBILIZACIÓN E COMERCIALIZACIÓN DE PRODUTOS FORESTAIS

AXENCIA GALEGA DA INDUSTRIA FORESTAL


Obxecto
1. Poderán ser subvencionables os investimentos relativos ás operacións de aproveitamento, transformación e comercialización dos produtos forestais (madeira, cogomelos, castañas, plantas aromáticas e medicinais, biomasa e outros produtos forestais), a excepción dos referidos no artigo 4. No caso de produtos forestais alimentarios poderanse subvencionar unicamente investimentos de recolla e manexo no monte.
2. Poderanse subvencionar investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing) ou calquera outra figura análoga, subvencionando neste caso unicamente o importe correspondente á opción de compra. A opción de compra deberá realizarse no prazo de execución do investimento.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias as microempresas, pequenas e medianas empresas (pemes) do sector forestal radicadas en Galicia en relación cos investimentos realizados en zonas rurais de acordo cos criterios de localización establecidos no ámbito territorial do PDR 2014-2020 e descritos no anexo XIII. Tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.
2. Os beneficiarios deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes circunstancias:
1º. Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento, dun mínimo do 70 % do seu importe ou comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento.
2º. Certificación bancaria de dispoñibilidade líquida en conta por importe do investimento.
3º. Vendas por importe superior ao triplo do investimento (na declaración do IVE do último exercicio pechado á data de publicación da convocatoria-modelo 390 ou modelo 303 do último mes do ano, segundo proceda).
4º. Estudio de viabilidade asinado por un profesional independente cualificado, que contará, como mínimo, cun plan económico financeiro, que inclúa conta de resultados previsional en que se analice o impacto dos novos investimentos, plan de tesouraría previsional e balances previsionais, incluíndo unha descrición das hipóteses que sustenten as previsións.
b) Deberán ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de axuda e, no suposto de ser exixible, un contrato de prevención de riscos laborais, en vigor na data de publicación da convocatoria.
c) Deberán estar inscritos no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, de conformidade co Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal.
3. Así mesmo, os solicitantes con persoal contratado por conta allea nun número igual ou superior a tres traballadores, deberán ter, polo menos, na data de publicación da convocatoria o 33 % do cadro de persoal da empresa con contratos por conta allea e tempo indefinido. Para as empresas de nova creación, entendendo como tales as creadas dentro dos 12 meses anteriores á data publicación da convocatoria, bastará o compromiso de acadar, como mínimo, o 33 % de estabilidade laboral ao remate do prazo concedido para xustificar o investimento. As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acadar a mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, se for o caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione. O persoal en réxime de autónomos non se computará aos efectos do cálculo das porcentaxes de estabilidade de emprego recollidas nesta resolución.
4. Non poderán acadar a condición de beneficiarios:
a) Aqueles solicitantes nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, número 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 y 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
c) Aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Contía
Estas axudas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A4.741A.770.0, código de proxecto 2018 00009, con 3.374.720,25 euros para o ano 2019 e 5.225.279,75 euros para o ano 2020.
Os investimentos subvencionaranse cunha axuda do 40 % dos gastos elixibles.
A axuda máxima por solicitante limitarase a 150.000 euros.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.