martes, 19 de febrero de 2019

CONVOCATORIA CURSOS DE LIGUA GALEGA PREPARATORIOS DAS PROBAS PARA OBTER OS CERTIFICADOS DE LIGUA GALEGA CELGA 1, CELGA 2, CELGA 3 E CELGA 4.

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO


Obxecto.
Convocar, con carácter gratuíto, cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega (Celga), niveis 1, 2, 3 e 4, con código de procedemento administrativo PL600A.
Os cursos que se convocan na modalidade presencial relaciónanse no anexo II (niveis Celga 2, 3 e 4) e os que se convocan na modalidade de teleformación relaciónanse no anexo III (niveis Celga 1, 3 e 4).

Persoas destinatarias.
2.1. Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega (Celga) poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen mellorar o seu coñecemento e dominio do galego e preparar as probas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca periodicamente para certificar a competencia nesta lingua.
2.2. No caso dos cursos de teleformación, as persoas solicitantes deberán dispoñer dun equipamento informático que cumpra, como mínimo, os seguintes requisitos técnicos:
– Un ordenador con conexión á internet.
– A conta de correo electrónico especificada na solicitude.
No curso Celga 1 de teleformación, deberán dispoñer a maiores de:
– Calquera navegador web co plugin de flash.
Nos cursos Celga 3 e Celga 4 de teleformación, deberán dispoñer a maiores de:
– Un micrófono ou calquera medio alternativo que permita a gravación de voz.
2.3. Para solicitar un curso Celga 3 ou Celga 4 de teleformación será requisito indispensable o seguinte:
a) Se solicita un curso destinado á poboación que reside en Galicia, a persoa deberá estar empadroada nalgún dos concellos da provincia galega correspondente.
b) Se solicita un curso destinado á poboación que reside no Bierzo (León) e Sanabria (Zamora), a persoa deberá estar empadroada nalgún dos concellos que conforman a comarca do Bierzo ou que están adscritos ao IES Valverde de Lucerna, de Puebla de Sanabria.
c) Se solicita un curso destinado ao resto da poboación, a persoa deberá estar empadroada fóra de Galicia.

Solicitudes e prazo.
3.1. Para conseguir o axeitado rendemento e o aproveitamento do curso hai que procurar a homoxeneidade dos coñecementos do alumnado. Polo tanto, á hora de formular a solicitude dun curso dun determinado nivel Celga, deberase ter en conta a definición de contidos previstos na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 146, do 30 de xullo de 2007 (corrección de erros no DOG núm. 178, do 13 de setembro).

3.2. No caso dos cursos presenciais:
As persoas que desexen participar nestes cursos deberán cubrir o formulario de solicitude, segundo o modelo PL600A, que se publica como anexo I, e dirixilo á xefatura territorial da Consellería de Cultura e Turismo da provincia que corresponda. Os formularios de solicitude estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal.
No caso de que unha persoa precise apoio para realizar o curso presencial por mor dunha discapacidade, indicará na súa solicitude o apoio concreto que necesita, cuxa concesión será valorada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

3.3. No caso dos cursos de teleformación:
As persoas que desexen participar nestes cursos deberán cubrir o formulario de solicitude, segundo o modelo PL600A, que se publica como anexo I, e dirixilo á Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os formularios de solicitude estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal.
En aplicación do previsto no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), e do artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación (DOG núm. 28, do 9 de febreiro), as persoas que desexen participar nun destes cursos de teleformación deben dispoñer dun equipamento informático cos requisitos técnicos sinalados no punto 2.2, o que implica que contan coa capacidade técnica para acceder e dispoñer dos medios electrónicos necesarios. Polo tanto, as solicitudes dos cursos de teleformación presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
3.4. Só se poderá presentar unha única solicitude e solicitar un único curso por persoa, aínda que sexan de modalidades distintas. De existir máis dunha solicitude da mesma persoa ou de solicitar esta máis dun curso, anularanse todas as súas peticións.
3.5. O prazo para presentar as solicitudes será de 20 días naturais, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.