jueves, 29 de mayo de 2025

SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE INVESTIGACIÓN E PARA A CREACIÓN DE GRUPOS DE INVESTIGACIÓN EN MATERIA DE COOPERACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO 2025

 Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 15 de maio de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de proxectos de investigación e para a creación de grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento, no marco da Axenda 2030, que executarán os grupos e centros de investigación das universidades galegas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR815A).

Obxecto
A convocatoria establece as condicións para a concesión de subvencións, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código de procedemento administrativo PR815A):
a) A realización de proxectos de investigación que teñan como obxectivo a promoción do desenvolvemento humano e sostible, consonte a axenda nacional e internacional de desenvolvemento e, en particular, aliñados cos ODS da Axenda 2030 das Nacións Unidas.
É necesario que os proxectos sexan relevantes para a cooperación para o desenvolvemento e que o seu contido estea claramente relacionado con esta área, sen que sexan financiables nesta convocatoria as colaboracións científicas sen esta dimensión.
b) A creación de grupos de investigación, uni ou multidisciplinares, interuniversitarios ou non, no ámbito da cooperación para o desenvolvemento, que teñan como obxectivo principal a especialización na investigación en cooperación para o desenvolvemento, que consolide liñas de investigación nesta materia no SUG.

Entidades beneficiarias e destinatarios/as
Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións as universidades do Sistema universitario de Galicia e as súas entidades dependentes e os seus centros de investigación públicos, e serán destinatarios/as os/as investigadores/as individuais ou equipos e grupos de investigación do Sistema universitario de Galicia (SUG).
Para os efectos destas axudas enténdese por equipo ou grupo de investigación o conxunto do persoal investigador que, baixo a dirección dun deles, desenvolve un proxecto de investigación concreto. Os seus membros deben pertencer ao SUG ou ás súas entidades dependentes, ou aos seus centros de investigación públicos, coa excepción dos considerados nas letras d) e e) deste punto.
O equipo e grupo de investigación poderase constituír co seguinte tipo de membros:
a) Persoal investigador doutor con vinculación estatutaria ou contractual estable no SUG ou nas súas entidades dependentes, ou en centros de investigación públicos. Considéranse dentro desta categoría catedráticos e profesores titulares de universidades ou escolas universitarias, profesores contratados doutores ou axudantes de doutor, contratados dos programas Ramón y Cajal, Juan de la Cierva, Marie Curie e outros similares (sempre que teña adscrición a unha universidade do SUG durante toda a vixencia da axuda).
b) Persoal investigador non doutor con vinculación estatutaria ou contractual no SUG ou nas súas entidades dependentes, ou en centros de investigación públicos, ou mantida, polo menos, durante a vixencia do proxecto.
c) Persoal investigador en formación: persoal con vinculación ao SUG ou ás súas entidades dependentes ou centros de investigación públicos en figuras específicas de formación investigadora, nomeadamente axudantes, persoal contratado en formación, contratados predoutorais ou con cargo a proxecto e bolseiros predoutorais de convocatorias públicas.
d) Investigadores asociados: persoal investigador doutor vinculado a outro organismo de investigación que se considera relevante para o correcto desenvolvemento do proxecto. Inclúese nesta categoría o persoal docente doutor dos centros de ensino non universitario.
e) Persoal de apoio: persoal técnico ou calquera outro persoal contratado para a realización de tarefas de apoio á investigación no desenvolvemento de proxectos concretos de investigación e persoal, sen vinculación a un organismo de investigación, que pertenza a unha das entidades agrupadas ao proxecto ou a unha contraparte, se xustifica que achega unha visión da zona e do tema de traballo imprescindible para a consecución dos obxectivos do proxecto.
O/a investigador/a principal que exerce a dirección dun proxecto e/ou grupo de investigación deberá ser doutor/a e pertencer a algunha das categorías incluídas na letra a) deste punto.
Ningún/ningunha investigador/a individual e/ou membro dos equipos e grupos de investigación poderá presentar máis dun proxecto, aínda que si poderá estar incorporado/a en máis dun equipo ou grupo de investigación no ámbito desta convocatoria.
Tamén poderán acceder ás subvencións os proxectos presentados en agrupación con calquera das entidades definidas como axentes de cooperación segundo o disposto na Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, e no Decreto 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.