Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Obxecto
1. O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras para a concesión de axudas ás persoas titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N para o pagamento da póliza do seguro do vehículo e a contratación dunha segunda persoa condutora.
2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2025 (código de procedemento IF401A).
Liña 1: axudas para a contratación da póliza de seguro do vehículo.
Liña 2: contratación dunha segunda persoa condutora.
a) Para a liña 1, poderán ser obxecto de subvención as persoas titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N domiciliadas en Galicia e que estean vixentes e activas na data de presentación da solicitude e na data da resolución de concesión da axuda.
b) Para a liña 2, poderá ser obxecto de subvención a contratación dunha segunda persoa condutora, a xornada completa e con dedicación exclusiva, realizadas dentro do período subvencionable, que comprende desde o 1 de outubro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025, ambas as datas incluídas, polas persoas titulares de autorizacións VT-N domiciliadas en Galicia e que estean vixentes e activas na data da presentación da solicitude e na data da resolución de concesión da axuda.
Para os efectos das letras anteriores, un título habilítante non se considerará activo se figura en suspensión.
Só se subvencionará a contratación dunha segunda persoa condutora por titular de autorización, aínda que o solicitante da axuda poida ser titular de varias autorizacións. A contratación deberá realizarse de conformidade co disposto no artigo 20 e seguintes da Lei 4/2013, do 30 de maio, e os artigos 36 e seguintes do Decreto 103/2018, do 13 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 4/2013, do 30 de maio.
As persoas interesadas poderán solicitar a liña 1 por cada unha das autorizacións das cales sexan titulares. Porén, para a liña 2 só poderán presentar unha solicitude, aínda que sexan titulares de varias autorizacións.
3. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos servizos de Mobilidade competentes.
2. Para xeraren dereito á axuda, as autorizacións indicadas no punto anterior deberán axustarse ás seguintes regras:
Terán que estar domiciliadas en Galicia.
Deberán estar vixentes e activas no momento da presentación da solicitude.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará a contar a partir do sétimo día hábil seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2025.
Outros datos
A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado co código de procedemento IF401A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Este modelo irá acompañado, ademais, da documentación relacionada no artigo 6, que necesariamente se deberá anexar en formato electrónico.