Consello da Cultura Galega
Obxecto e destinatarios
Esta resolución ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións que rexerán a convocatoria de catro bolsas de colaboración en proxectos de investigación concretos que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega (código de procedemento PR970B).
Esta convocatoria está dirixida ás persoas con titulación universitaria (licenciatura e grao) con perfil investigador.
Os proxectos concretos inclúense nos anexos II (Unidade de Publicacións), III (Área de Documentación) e IV (Unidade de Divulgación de Contidos e Difusión) a esta resolución e neles detállanse os requisitos específicos que deben reunir as persoas solicitantes, coa finalidade de contribuír á especialización na súa formación académica, profesional e investigadora.
As bolsas reguladas nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.
Duración
As bolsas darán comezo coa incorporación da persoa seleccionada, tal e como dispón a base décimo cuarta desta convocatoria. A data estimada de comezo é o 1 de setembro de 2025 e rematarán, en calquera caso, o 31 de agosto de 2026; terán unha duración máxima de doce (12) meses.
A data de incorporación ao centro establecerase na notificación da adxudicación da bolsa. As persoas que non se incorporen no prazo establecido perderán os dereitos inherentes á bolsa concedida, agás causa xustificada de atraso apreciada pola Presidencia do Consello da Cultura Galega.
Requisitos xerais
Poderán solicitar estas bolsas ou ser persoas beneficiarias delas as persoas en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan, ademais dos requisitos específicos que para cada bolsa se sinalen nos anexos desta resolución, os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.
b) Estar en posesión da titulación universitaria requirida para o proxecto á cal presenten a solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes, e ter rematados os estudos conducentes a el no curso académico 2013/14 ou posterior.
c) Acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciatura ou grao en filoloxía galega, galego e portugués, lingua e literatura galegas e tradución e interpretación.
d) Non resultar persoa beneficiaria dunha bolsa de colaboración convocada polo Consello da Cultura Galega en convocatorias anteriores durante un prazo superior a doce (12) meses.
e) Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 6 puntos, calculada de acordo cos parámetros publicados pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).
As persoas solicitantes que cursasen os seus estudos en universidades non pertencentes ao Sistema universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberán xuntar a correspondente tradución xurada. A certificación do expediente académico indicará: a data de iniciación e de remate dos estudos, os créditos superados e as cualificacións obtidas. Deberá axustarse aos criterios estatais, tanto aos do Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional (BOE núm. 224, do 18 de setembro), como aos que deben incluírse no suplemento europeo ao título (SET); e a nota media do expediente académico calcularase de acordo cos parámetros fixados pola devandita Resolución do 15 de setembro de 2011.
Presentación de solicitudes e prazo
A capacidade técnica e formación das persoas ás cales van dirixidas estas bolsas permítenlle o acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios para se relacionaren por este medio co sector público autonómico. Polo tanto, ao abeiro do artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e do artigo 10.2 e 3 da Lei 4/2019, do 14 de xullo, de administración dixital de Galicia, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
O prazo de presentación de solicitudes e da documentación sinalada na base sexta será de un (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.