viernes, 30 de mayo de 2025

PREMIOS LUGO 2025

CONVOCATORIA E BASES DOS PREMIOS:  "LUGO CAMBIA O TURISMO LUCENSE", DO "PREMIO TURISMO SOSTIBLE" E DOS PREMIOS "...E PARA COMER, LUGO A GASTRONOMIA LUCENSE" PARA  A  ANUALIDADE 2025.

Obxecto
As presentes bases teñen por obxecto a regulación da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos Premios “Lugo Cambia ao Turismo Lucense”, do “Premio Turismo Sostible” e dos Premios “…E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense”. 
Estas distincións teñen por obxecto recoñecer publicamente a dedicación de distintas empresas, persoas, institucións ou entidades e os seus méritos polo traballo realizado en prol do desenvolvemento, do fomento e da promoción turística, a sostibilidade turística, a traxectoria profesional e a posta en marcha de actuacións innovadoras e/ou exemplares que teñan unha repercusión positiva no ámbito do turismo ou da gastronomía da provincia de Lugo, ben no seu conxunto ou nun ámbito territorial inferior comprendido dentro da provincia.

Natureza
Os premios obxecto desta convocatoria terán carácter honorífico, sen que a súa concesión supoña a
adquisición de dereito económico algún por parte das entidades ou persoas galardoadas.
Os premios consistirán nun diploma acreditativo e nun agasallo de carácter simbólico, que nesta anualidade será unha peza de artesanía tradicional da provincia de Lugo.
As entidades ou persoas galardoadas poderán publicitar a súa condición de premiadas nas accións de
promoción que realicen para dar a coñecer a labor que fose obxecto destas distincións.
Os premios obxecto destas bases serán entregados en acto público nos últimos días do mes de setembro de 2025.

Candidaturas
Poderán optar aos premios as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, tanto a título individual
como colectivo, de ámbito local, autonómico, nacional ou internacional que destaquen nalgunha das
modalidades establecidas na base quinta e cuxa actuación teña ou tivese unha repercusión positiva no
turismo ou na gastronomía a nivel provincial ou nunha zona específica de actuación dentro do territorio
lucense.

Modalidades
Os premios obxecto desta convocatoria corresponden ás seguintes tres modalidades:

MODALIDADE A: Premios “Lugo Cambia ao Turismo Lucense”
Poderán presentarse a esta modalidade:
 Entidades públicas ou aquelas das que na súa organización forme parte o sector público.
 Empresas, profesionais independentes e traballadores e traballadoras do sector turístico. Poderán
concorrer tamén persoas ou entidades privadas que teñan realizada unha labor de investigación ou
divulgación da provincia no ámbito turístico con resultados vixentes na actualidade ou que teñan
realizado unha aportación destacada no eido do turismo no ano inmediatamente anterior a esta
convocatoria ou no que está en curso.
 Colectivos profesionais, asociacións e outras entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolvan unha labor que garde relación co sector turístico.
Os méritos cos que poderán concorrer nesta modalidade deberán estar relacionados con algún dos seguintes ámbitos:
 A dedicación e traxectoria profesional exemplar.
 O desenvolvemento de accións innovadoras en materia de creación de produtos turísticos singulares,
novos ou de éxito.
 O desenvolvemento de accións de promoción innovadoras.
 O traballo en prol da calidade turística.
 A creación ou posta a disposición de ferramentas TIC que repercutan positivamente na experiencia das persoas visitantes e/ou na xestión das empresas e destinos turísticos.
 O desenvolvemento de actuacións que contribúan á accesibilidade, física e/ou intelectual, aos recursos e/ou servizos turísticos da provincia de Lugo.
 Accións en materia de recuperación de bens do patrimonio cultural ou natural e accións de
embelecemento da paisaxe ou do medio.
 Traballos de investigación turística e/ou publicacións científicas ou xornalísticas, que baseen a súa
temática nos recursos, empresas e/ou servizos turísticos da provincia de Lugo e que acheguen datos ou
conclusións vixentes no momento da proposta da candidatura. No caso de que un traballo de
investigación se desenvolva no contexto dunha titulación académica deberá ter sido cualificado como
mínimo, cunha puntuación de sobresaínte, para o que se deberá achegar o certificado expedido pola
entidade competente.
 O labor que desenvolvan persoas físicas en calidade de divulgadoras turísticas da provincia de Lugo.
 O desenvolvemento de prácticas laborais exemplares.
Agás no caso do recoñecemento a unha traxectoria profesional exemplar, os proxectos e iniciativas
concretas nas que, de ser o caso, puidese fundamentarse a candidatura para a recepción destes premios deberán ter carácter actual, desenvolverse no marco dun plan vixente no momento da candidatura ou ben, como máximo, terse realizado no ano inmediatamente anterior a esta convocatoria, pero con vixencia na actualidade.

MODALIDADE B: “Premio Turismo Sostible”
Poderán presentarse a esta modalidade:
- Entidades públicas ou aquelas das que na súa organización forme parte o sector público.
- Empresas, profesionais independentes e traballadores e traballadoras do sector turístico. Poderán
concorrer tamén persoas ou entidades privadas que teñan realizada unha labor de investigación ou
divulgación da provincia no ámbito do turismo sostible con resultados vixentes na actualidade ou
que teñan realizado unha aportación destacada no eido do turismo sostible no ano inmediatamente
anterior a esta convocatoria ou no ano en curso.
- Colectivos profesionais, asociacións e outras entidades privadas sen ánimo de lucro que
desenvolvan unha labor que garde relación co sector turístico.
Os méritos cos que poderán concorrer a esta modalidade estarán relacionados co desenvolvemento de
iniciativas ligadas ao turismo sostible nas súas diferentes vertentes (social, económica e
medioambiental) e/ou co cumprimento de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 no
ámbito do Turismo.
Os proxectos e iniciativas concretas nas que, de ser o caso, puidese fundamentarse a candidatura
para a recepción deste premio deberán ter carácter actual, desenvolverse no marco dun plan vixente
no momento da candidatura ou ben, como máximo, terse realizado no ano inmediatamente anterior a
esta convocatoria, pero con repercusións vixentes na actualidade.

MODALIDADE C: Premios “…E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense”
Poderán presentarse a esta modalidade:
- Empresas, colectivos e profesionais da gastronomía a título individual. Poderán concorrer tamén
persoas ou entidades privadas que teñan realizada unha labor de investigación científica ou
divulgación xornalística da gastronomía lucense, ou que teñan realizado unha aportación destacada
no eido da gastronomía no ano inmediatamente anterior a esta convocatoria ou no ano en curso.
- Produtores individuais, Consellos Reguladores, Indicacións Xeográficas Protexidas,
asociacións de criadores de razas autóctonas e outras entidades similares.
- Entidades públicas ou privadas que baseen a súa candidatura nun evento gastronómico ou de
exaltación de produtos lucenses recoñecido pola súa repercusión e do que sexan organizadoras.
- Os méritos cos que poderán concorrer nesta modalidade deberán estar relacionados con algún
dos seguintes ámbitos:
- O traballo ou traxectoria profesional exemplar.
- As accións de promoción e fomento do consumo de produtos autóctonos, organización de eventos
gastronómicos con produtos locais ou accións similares.
- Os traballos de investigación ou publicacións científicas ou xornalísticas baseadas na
divulgación dos produtos locais, na recuperación de receitas, usos ou costumes tradicionais ligados
á gastronomía lucense e na proposta de accións que exploren novas fórmulas para a combinación de
tradición e vangarda na preparación dos produtos gastronómicos autóctonos. Os datos e conclusións
que se acheguen nestes estudos ou publicacións deberán revestir, segundo o criterio do persoal
membro do Consello Provincial de Turismo, carácter de actualidade na súa temática.
- As accións formativas dirixidas a profesionais da gastronomía baseadas no uso de produtos
locais.
Agás no caso do recoñecemento a unha traxectoria profesional exemplar, os proxectos concretos nos
que, de ser o caso, puidese fundamentarse a candidatura para a recepción destes premios deberán
ter carácter actual, desenvolverse no marco dun plan vixente no momento da candidatura ou ben,
como máximo, terse realizado no ano inmediatamente anterior a esta convocatoria pero con vixencia
na actualidade.