Consellería de Política Social e Igualdade
Obxecto
Esta orde ten por obxecto convocar o procedemento de adxudicación de estadías e servizos para o ano 2025 nas residencias de tempo libre de Panxón e do Carballiño, sitas nas localidades de Panxón-Nigrán (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense), respectivamente, e adscritas á Consellería de Política Social e Igualdade.
O código deste procedemento de adxudicación é o BS419A e comprende exclusivamente as estadías e servizos reflectidos no anexo III, cuxa adxudicación corresponde á Consellería de Política Social e Igualdade.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias todas as persoas integrantes dunha unidade familiar que teñan a súa residencia en territorio español. Igualmente, poderán acollerse a esta orde os galegos e galegas residentes no exterior.
Non se valorarán as solicitudes que inclúan persoas que gozasen dalgunha quenda na mesma residencia nalgunha das dúas convocatorias anteriores, salvo que existan prazas vacantes na quenda solicitada.
Presentación de solicitudes, lugar e prazo
1. Cada unidade familiar poderá solicitar, a través da persoa maior de idade que a represente, as estadías e servizos para calquera das dúas residencias de tempo libre adscritas á Consellería de Política Social e Igualdade e para unha ou varias das quendas que se detallan no anexo III, para o que debe achegar a solicitude segundo o modelo normalizado que figura como anexo I.
Para os efectos desta orde, enténdese por unidade familiar a formada pola/s persoa/s adulta/s e, de ser o caso, as fillas e os fillos e persoas maiores que convivan de xeito permanente ou temporal coa persoa solicitante.
Así mesmo, terán a consideración de fillos e fillas as persoas en situación de garda con fins adoptivos e en acollemento familiar.
2. Presentarase unha única solicitude por unidade familiar en que se indicará a orde de preferencia no desfrute das estadías e servizos nas residencias. A dita solicitude dirixirase ao Departamento Territorial de Ourense no caso de que figure como primeira opción a residencia de tempo libre do Carballiño e ao Departamento Territorial de Vigo, no caso de que figure como primeira opción a residencia de tempo libre de Panxón. No caso de que se soliciten estadías e servizos para ambas as residencias, resolverá o departamento territorial correspondente á cada unha delas.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formular normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días hábiles. Este prazo comezará a computar desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.