Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Obxectivos
O obxectivo do programa bonos Activa comercio é incentivar a demanda comercial, axudando economicamente as persoas consumidoras, así como fomentar o consumo nos establecementos comerciais retallistas adheridos á campaña.
Ademais, o programa ten como finalidades propiciar o fortalecemento do sector comercial retallista da Comunidade Autónoma de Galicia, dinamizar a actividade comercial promovendo as compras de bens en comercios, mellorar o fondo de manobra dos establecementos comerciais e paliar o impacto negativo derivado da actual situación inflacionista.
Entidade colaboradora
A entrega e a distribución dos fondos das axudas farase coa entidade colaboradora seleccionada ao abeiro da Orde do 28 de marzo de 2025 pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio (código de procedemento CO301A) (DOG núm. 68, do 8 de abril).
Actividade subvencionable
1. Por medio desta orde subvencionarase a compra de bens, a través dos bonos Activa comercio, nos establecementos comerciais retallistas de Galicia adheridos ao programa.
2. As vendas subvencionadas serán as que se realicen nas datas fixadas nas correspondentes ordes de convocatoria de cada unha das edicións do programa bonos Activa comercio.
3. Cada bono terá a consideración de bono desconto por un valor de ata 30 € para as compras realizadas nos comercios adheridos. Poderase usar cada bono ata o seu esgotamento ou, no seu caso, ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa.
O importe do bono irase reducindo en función do valor da compra realizada de acordo cos seguintes criterios:
– Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 20 € e inferiores a 30 €.
– Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.
– Desconto de 15 € en compras iguais ou superiores a 50 €.
Todas estas contías enténdense co IVE incluído.
4. Os bonos Activa comercio non se poderán utilizar para a adquisición de tarxetas regalo, vales, bonos ou similares.
Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que realicen as actuacións establecidas no artigo 5 destas bases reguladoras. Para ser beneficiarias terán que tramitar as súas solicitudes conforme o establecido nesta orde.
Alta e requisitos dos comercios para a adhesión ao programa
1. Os establecementos comerciais retallistas que desexen adherirse ao programa bonos Activa comercio deberán rexistrarse na web www.bonosactivacomercio.gal indicando a seguinte información:
▪ Nome e apelidos ou razón social.
▪ Establecemento comercial en Galicia.
▪ NIF.
▪ Nome, apelidos e DNI ou NIE da persoa representante.
▪ Nome comercial.
▪ Enderezo do establecemento comercial.
▪ Número de teléfono móbil.
▪ Correo electrónico.
▪ IAE principal (incluído no anexo I).
▪ IBAN da conta bancaria.
▪ Páxina web do establecemento comercial.
2. A adhesión ao programa bonos Activa comercio será única para todas as edicións do programa que se convoquen no ano 2025.
O prazo de adhesión comprenderá desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de decembro de 2025 ou, no seu caso, ata o esgotamento do crédito da última edición convocada.
3. Poderán adherirse ao programa bonos Activa comercio os establecementos comerciais retallistas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia (establecemento comercial en Galicia) e reúnan as condicións legalmente establecidas para o exercicio da súa actividade.
b) Que sexan persoas empresarias autónomas ou pequenas e medianas empresas de conformidade co previsto no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.
c) Que estean dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do IAE recollidos no anexo I desta orde.
4. A alta e o uso da aplicación polas persoas comerciantes suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade conforme ao Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos) e á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da que serán informadas convenientemente.
5. Na alta para a adhesión ao programa as persoas comerciantes poderán outorgar a súa autorización para recibir información das axudas, actuacións e programas que poña en marcha a Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
6. As persoas comerciantes deberán asinar dixitalmente a declaración responsable, manifestando o cumprimento das condicións establecidas e a veracidade dos datos indicados, sen prexuízo de cantas outras formalidades estean obrigadas a cumprir. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá comprobar e, no seu caso, solicitar en calquera momento os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.
7. Non se admitirán nin se terán en conta as solicitudes presentadas por establecementos que non cumpran coas anteriores condicións nin coa forma establecida nesta orde.
8. O nome comercial e a localización dos establecementos retallistas adheridos ao programa bonos Activa comercio farase pública na web www.bonosactivacomercio.gal
9. As persoas comerciantes adheridas ao programa recibirán cunha periodicidade semanal, na conta bancaria indicada para tal efecto, a cantidade equivalente aos bonos trocados no seu establecemento, agás no suposto previsto no artigo 20 destas bases reguladoras.
Presentación da solicitude dos bonos
1. Para a solicitude e a obtención dos bonos, cada persoa usuaria deberá darse de alta na web www.bonosactivacomercio.gal indicando a seguinte información:
a) Nome e apelidos.
b) Maioría de idade.
c) DNI ou NIE.
d) Localidade de residencia (código postal).
e) Número de teléfono móbil.
f) Correo electrónico.
2. O uso da páxina web e a descarga dos bonos polas persoas usuarias suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade conforme o Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación de estes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos) e á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da que serán informadas convenientemente.
3. As persoas usuarias deberán declarar responsablemente a veracidade dos datos indicados. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar, en calquera momento, os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.
4. Así mesmo, as persoas usuarias deberán declarar responsablemente que están ao día do cumprimento das obrigas coa Facenda Pública do Estado e da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.
5. Opcionalmente, os bonos poderán solicitarse presencialmente na Dirección Xeral de Comercio e Consumo e nos departamentos territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
As persoas interesadas, ou os/as seus/súas representantes, poderán autorizar expresamente aos/ás empregados/as para a solicitude e a obtención dos bonos en formato papel. Neste suposto deberase acreditar a representación expresa por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna ou mediante declaración responsable en comparecencia persoal da persoa interesada ante o/a funcionario/a da Administración.
Condicións de uso dos bonos
1. En cada unha das edicións convocadas do programa bonos Activa comercio, cada persoa beneficiaria disporá dun único bono que poderá ser usado nun ou varios dos comercios retallistas adheridos ao programa.
2. Cada bono terá un valor de ata 30 €. En función do importe das compras, poderán obterse os seguintes descontos:
– Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 20 € e inferiores a 30 €.
– Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.
– Desconto de 15 € en compras iguais ou superiores a 50 €.
Todas estas contías enténdense co IVE incluído.
3. A validez dos bonos estenderase ata a finalización do período previsto nas correspondentes ordes de convocatoria de cada unha das edicións do programa.
4. A través da plataforma tecnolóxica do programa, os/as comerciantes terán á súa disposición a información necesaria e poderán consultar o histórico das súas vendas, os bonos xa trocados, os abonos feitos pola entidade colaboradora e os demais detalles de cada operación.
5. En caso de devolución do ben ou bens comprados, o importe da compra poderá ser trocado por outra compra de prezo igual ou superior ou por un vale sen caducidade polo importe correspondente. O/a comerciante non poderá abonar á persoa consumidora, en ningún caso, diñeiro en efectivo ou na tarxeta de crédito.
6. Non será aplicable o troco dos bonos para as compras en liña.
Data de descarga dos bonos
Os bonos estarán dispoñibles na web www.bonosactivacomercio.gal para a súa descarga polas persoas usuarias durante o período de tempo previsto nas correspondentes ordes de convocatoria de cada unha das edicións do programa.
