viernes, 9 de mayo de 2025

SUBVENCIÓNS AO PROGRAMA DE MOBILIDADE TRANSNACIONAL XUVENIL, DIRIXIDO ÁS PERSOAS MOZAS MÁIS DESFAVORECIDAS INSCRITAS E BENEFICIARIAS DO SISTEMA NACIONAL DE GARANTÍA XUVENIL 2025 (PROGRAMA GALICIA MOZA CON ALMA)

 Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 23 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas ao programa de mobilidade transnacional xuvenil, dirixido ás persoas mozas máis desfavorecidas inscritas e beneficiarias do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027 e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (programa Galicia Moza con Alma) (código de procedemento CT510A).

Obxecto
O obxecto é establecer o procedemento de concesión de subvencións para o programa de inclusión social xuvenil, Galicia Moza con Alma, co obxectivo de empoderar as persoas mozas vulnerables á hora de integrarse no mercado laboral, o sistema educativo ou na sociedade, mediante a realización de prácticas formativas non laborais nun Estado membro da Unión Europea. O procedemento de concesión das subvencións será en réxime de concorrencia competitiva e conforme os principios de publicidade, transparencia, igualdade e non discriminación.
Os programas Galicia Moza con Alma deberán contar cun mínimo de 4 e un máximo de 6 persoas mozas que reúnan os requisitos establecidos no artigo 3 da orde.
O proxecto de actuación consta de tres fases, que deben ser consecutivas:
a) Fase de organización e planificación en Galicia: inclúe a preparación sociolingüística e intercultural, así como a organización e a preparación da mobilidade, en canto a organización da viaxe e o aloxamento das persoas mozas participantes.
Prevé a elaboración conxunta entre a entidade e a persoa participante dun itinerario personalizado, que inclúa a descrición detallada de todas as accións adaptadas ás necesidades da persoa, definidas co obxectivo de preparala para realizar a estancia de aprendizaxe práctica e integración laboral noutro país membro da UE.
Poderá comezar a partir do día seguinte á publicación da resolución de concesión das subvencións e unha vez aceptada esta.
Esta fase poderá ter unha duración mínima de 75 horas e unha duración máxima dun mes.
b) Fase de mobilidade nun país membro da UE: realización de prácticas formativas non laborais en empresas, entidades ou institucións de países da Unión Europea e seguimento durante a súa realización; titorización das prácticas e realización de itinerarios personalizados de inserción das persoas mozas participantes.
Poderá comezar unha vez rematada a fase de organización e planificación en Galicia, debendo durar polo menos un 30 % do tempo previsto para a duración total programa.
A súa duración debe adecuarse ás necesidades da persoa participante, sendo en todo caso de 2 a 3 meses consecutivos, agás causa xustificada motivada por escrito.
Esta fase debe finalizar, como data límite, o 31 de outubro de 2025.
c) Fase de avaliación e seguimento posterior á realización das prácticas formativas non laborais unha vez que regresan a Galicia.
Desenvolverase un plan formativo complementario en habilidades e competencias para o emprego, cun mínimo de 20 horas lectivas.
A entidade debe deixar constancia do progreso na avaliación final, axudando á persoa participante a identificar as competencias adquiridas ou desenvolvidas durante o proxecto.
A entidade beneficiaria comprométese a acompañar e facilitar a inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia daquelas persoas mozas participantes que non acaden a inserción laboral antes da finalización desta fase.
Esta fase iniciarase, como moi tarde, unha semana despois de que a persoa participante regrese da súa mobilidade e pódese alongar como máximo 1 mes, con data límite o 8 de decembro de 2025.

Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as entidades privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas, domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia no eido da mocidade e/ou do emprego, e cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Outros datos
Poderase solicitar un anticipo de ata o 80 % do importe da subvención concedida. A entidade beneficiaria que queira solicitar o anticipo deberá solicitalo marcando no recadro do anexo IV.
A concesión da subvención tramítase en réxime de concorrencia competitiva e efectúase por orde de puntuación ata esgotar o crédito orzamentario.
O método de xustificación empregado será o de módulos de custos unitarios e financiamento non vinculado a custos previstos no Regulamento delegado (UE) 2022/2175 da Comisión, do 5 de agosto de 2022, polo que se completa o Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello.
O número máximo de días subvencionables é de 150 por persoa moza participante, aplicándose para cada día os importes dos módulos especificados no punto 5 do artigo 7.
Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que, de forma inequívoca, respondan á natureza da actividade subvencionada, sexan estritamente necesarios para o desenvolvemento dos programas e se realicen no prazo e nas condicións que se determinen na orde.