viernes, 19 de abril de 2024

PROGRAMA RESPIRO FAMILIAR 2024

 CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE

ORDE do 12 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa Respiro familiar para persoas coidadoras e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento BS614B).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a persoas coidadoras dentro do programa Respiro familiar para persoas coidadoras para o exercicio 2024 (código de procedemento BS614B), así como realizar a súa convocatoria.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa aquelas persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada unha ou máis persoas dependentes ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

Requisitos para acceder á subvención
1. Para que a persoa coidadora sexa beneficiaria da subvención é necesario que concorran os seguintes requisitos:
a) Que a persoa coidadora solicitante da subvención ou a persoa ou persoas que ela atenda sexan residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Que a persoa que se atende se encontre nalgunha das seguintes situacións:
1º. Discapacidade física, psíquica ou mental con necesidade de axuda de terceiras persoas para as actividades da vida diaria e ter recoñecida polo organismo competente unha discapacidade en grao igual ou superior ao 75 %.
2º. Ter recoñecida a situación de dependencia polo organismo competente no grao II ou III.
3º. Que a persoa que se atende, no caso de non encontrarse nas situacións enumeradas nos ordinais anteriores, presente unha situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.
2. Ademais, as persoas coidadoras, para seren beneficiarias da subvención, teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 21 de outubro de 2024.
Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil, segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.