CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN, CIENCIA, UNIVERSIDADES E FORMACIÓN PROFESIONAL
Obxecto
1. A presente resolución ten por obxecto convocar as probas de acceso ás ensinanzas artísticas superiores da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2024/25 e ditar instrucións sobre os aspectos organizativos e o desenvolvemento do procedemento.
2. Para o efecto de cumprir o punto anterior, dítanse as instrucións xerais e os calendarios específicos para cada ensinanza, inseridos nos anexos do seguinte xeito:
a) Proba que substitúe o requisito de titulación: anexo I.
b) Ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática: anexo II.
c) Ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais: anexo III.
d) Ensinanzas artísticas superiores de Deseño: anexo IV.
e) Ensinanzas artísticas superiores de Música: anexo V.
3. A oferta de prazas en cada centro de ensinanzas artísticas superiores será publicada a través do portal educativo (https://www.edu.xunta.gal) e dos taboleiros dos centros educativos correspondentes.
Condicións das persoas aspirantes
1. Requisitos comúns:
a) De acordo co establecido no artigo 12.1 do Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro, o acceso ás ensinanzas oficiais conducentes aos títulos de grao en ensinanzas artísticas superiores dos diferentes ámbitos requirirá estar en posesión do título de bacharelato ou ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, ou estar en posesión dun título de ensinanzas artísticas superiores, título universitario ou título de técnico superior, así como a superación das correspondentes probas específicas a que se refiren os artigos 54, 55, 56 e 57 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
b) De conformidade co establecido no artigo 4.1 das ordes do 21 de novembro de 2016, das ensinanzas artísticas superiores correspondentes, a proba específica de acceso levarase a cabo para cada especialidade e itinerario, cando proceda, e terá como finalidade valorar a madureza, os coñecementos e as aptitudes para cursar con aproveitamento estas ensinanzas, e axustarase ao disposto no artigo 5 das citadas ordes, segundo a especialidade a que se opte.
c) De conformidade co establecido no artigo 6 das ordes do 21 de novembro de 2016, das ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática, de Conservación e Restauración de Bens Culturais, e de Deseño, as persoas que queiran optar á proba de acceso e que, sendo maiores de dezaoito anos, non cumpran os requisitos xerais de titulación, deberán acreditar que posúen os coñecementos, habilidades e aptitudes necesarios para cursar con aproveitamento as correspondentes ensinanzas mediante a realización dunha proba. Para o acceso a ensinanzas artísticas superiores de Música a idade mínima admitida para a realización desta proba será de dezaseis anos. A devandita proba desenvolverase segundo o establecido no anexo I desta resolución.
2. Situacións específicas de alumnado que cursa bacharelato:
a) Aquelas persoas que desexen realizar a proba específica de acceso e teñan pendente algunha das materias do bacharelato poderán inscribirse no procedemento de acceso e admisión e realizar a devandita proba e, no caso de superala, poderán optar á asignación da praza solicitada, unha vez que estas acrediten estaren en condicións para a obtención do título de bacharelato.
b) As persoas que estean pendentes do procedemento de revisión no centro, ou de resolución da xefatura territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ao respecto de reclamacións das cualificacións de materias de segundo curso de bacharelato ou das cualificacións nas materias pendentes de primeiro curso de bacharelato, deberán presentar igualmente a solicitude de inscrición para o acceso e admisión a estas ensinanzas artísticas superiores no prazo establecido na presente resolución. De permitir o resultado da reclamación a obtención do título de bacharelato, a persoa aspirante poderá optar á asignación de praza, sempre que supere a proba específica e acredite estar en condicións para a obtención do título de bacharelato antes da adxudicación.
3. Acceso para aspirantes con discapacidade:
a) En cada centro de ensinanzas artísticas superiores da Comunidade Autónoma de Galicia reservarase un 10 % das prazas ofertadas en cada especialidade e itinerario, de ser o caso, para as persoas aspirantes que superen a proba específica de acceso e que acrediten o recoñecemento oficial dun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %. As prazas reservadas para estas persoas aspirantes que non poidan ser adxudicadas serán ofrecidas ás demais persoas aspirantes pola orde que lles corresponda.
b) De acordo co establecido no artigo 8 das ordes do 21 de novembro de 2016, das ensinanzas artísticas superiores correspondentes, as persoas aspirantes ao acceso e á admisión nas ensinanzas artísticas superiores que presenten algunha discapacidade poderán requirir a adaptación que corresponda para a realización das probas de acceso ás devanditas ensinanzas. Para tal efecto, as persoas aspirantes deberán presentar, xunto coa súa inscrición no procedemento de acceso e admisión, a documentación que acredite oficialmente a súa discapacidade e unha solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda.
c) Correspóndelle ao tribunal encargado da organización, realización e cualificación de cada proba adoptar as medidas precisas e adaptar os medios e as condicións de realización da proba, co obxecto de permitir que as persoas aspirantes con discapacidade poidan realizar a proba correspondente en condicións de igualdade co resto de aspirantes.
4. Acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel:
Conforme o establecido no artigo 9 das ordes do 21 de novembro de 2016, das ensinanzas artísticas superiores correspondentes, en cada centro da Comunidade Autónoma de Galicia en que se impartan estes estudos reservaranse adicionalmente as prazas necesarias en cada especialidade para o acceso das persoas aspirantes coa condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento que reúnan os requisitos académicos establecidos.
5. Acceso directo para persoas en posesión do título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño:
a) Poderá acceder ás ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais e de Deseño, sen necesidade de realizar a proba específica de acceso, quen estea en posesión dun título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño.
b) As persoas aspirantes que opten polo acceso directo deberán formalizar igualmente a súa inscrición no proceso de acceso e admisión, segundo o procedemento e calendario establecidos nesta resolución para as persoas aspirantes que non se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato.
c) No caso de que a persoa aspirante estea pendente da avaliación do proxecto final ou da avaliación final de ciclo, para a obtención dun título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño na convocatoria de xuño do ano académico 2023/24 e, en consecuencia, non dispoña do título antes de finalizar o prazo de inscrición, poderá igualmente formalizar a súa inscrición para o acceso e admisión nas ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais e de Deseño, segundo o calendario establecido nesta resolución para as persoas aspirantes que non se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato, e deberá presentar con anterioridade á publicación da listaxe provisional de adxudicacións a certificación de ter solicitado o devandito título.
Solicitudes e documentación
1. Solicitudes de inscrición:
a) O prazo de presentación das solicitudes comprenderá desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata a data especificada nos anexos para cada ensinanza artística superior e, de ser o caso, situación de titulación das persoas solicitantes. Para tal fin, os centros deberán expor nos seus taboleiros de anuncios a normativa reguladora de admisión do alumnado, así como o número de prazas ofertadas en cada especialidade e itinerario, cando corresponda, con indicación das prazas reservadas para as persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.
b) Con carácter xeral, as solicitudes cubriranse de xeito telemático completando o formulario dispoñible en https://www.edu.xunta.gal/eas e empregando o certificado dixital ou sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). As persoas solicitantes que non posúan nacionalidade española e non dispoñan de documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade estranxeiro (NIE) deberán acceder ao formulario de inscrición directamente nas secretarías dos centros.
c) Para completar o proceso de inscrición deberase presentar, nos prazos establecidos na presente resolución, a solicitude xunto coa documentación requirida na secretaría do centro de ensinanzas artísticas superiores en que a persoa aspirante solicite realizar a proba específica de acceso, agás as persoas aspirantes ás ensinanzas artísticas superiores de Música e as persoas aspirantes pola quenda de acceso directo ás ensinanzas artísticas superiores de Deseño, que deberán entregar esta documentación nas secretarías dos centros sinalados na súa solicitude de inscrición como primeira opción para cursar estudos.
d) Esta solicitude de inscrición será única e vinculante para o curso 2024/25, sen posibilidade de modificación unha vez rematado o prazo de inscrición establecido na presente resolución.
e) No caso das ensinanzas artísticas superiores de Deseño, na solicitude de inscrición deberase indicar a especialidade, e itinerario cando proceda, que se desexa cursar, así como a escola de arte e superior de deseño a que se desexa acceder, por orde de preferencia ata un máximo de catro opcións. Igualmente, as persoas aspirantes deberán sinalar nesta solicitude o centro educativo en que se seleccione realizar as probas específicas.
f) No caso das ensinanzas artísticas superiores de Música, na solicitude de inscrición deberase indicar a especialidade, e itinerario cando proceda, que se desexa cursar, así como a preferencia de centro a que se desexa acceder. Con independencia do centro de entrega da documentación para a inscrición, as probas específicas para cada especialidade e itinerario terán lugar nos centros detallados no anexo V da presente resolución.
g) As persoas aspirantes poderán presentar renuncia á súa participación neste procedemento en calquera das súas fases na secretaría en que presenten a súa solicitude de inscrición.
2. Documentación que as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude:
a) Copia de DNI, NIE ou pasaporte.
b) Xustificante do aboamento dos prezos públicos segundo o Decreto 89/2013, do 13 de xuño (DOG do 17 de xuño), consonte un destes modelos oficiais, xunto cos certificados de exención ou redución correspondente, cando proceda:
– Modelo E (autocopiativo en papel facilitado nas secretarías dos centros).
– Modelo AI.
– Modelos 730 e 731, xerados electronicamente no portal da internet da Axencia Tributaria de Galicia (https://ovt.atriga.gal).
O pagamento dos prezos públicos correspondentes ás probas de acceso non poderá ser fraccionado.
c) Documentación académica segundo proceda:
– Título de bacharelato.
– Certificación académica do bacharelato con indicación de materias pendentes, cando corresponda.
– Certificación de ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
– Título de ensinanzas artísticas superiores.
– Título universitario.
– Título de técnico superior.
– Certificado de superación da proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato correspondente a convocatorias anteriores.
– No caso das persoas aspirantes ao acceso nas ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais e de Deseño que opten pola quenda de acceso directo, título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño ou documento que acredite o aboamento do depósito do correspondente título, ademais de certificación académica, con expresión da nota media do expediente nos termos indicados nos anexos III e IV desta resolución, segundo corresponda.
– No caso das persoas aspirantes ao acceso nas ensinanzas artísticas superiores de Música, título profesional de música ou documento que acredite o aboamento do depósito do correspondente título, ademais de certificación académica, con indicación da nota media do expediente, nos termos indicados no anexo V desta resolución.
d) Documento acreditativo do grao de discapacidade e solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda, de ser o caso.
e) Documento acreditativo da condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento, de ser o caso.