martes, 2 de abril de 2024

AXUDAS Á MOBILIDADE COMPLEMENTARIAS ÁS ACHEGADAS POLA UNIÓN EUROPEA NO MARCO DO PROGRAMA ERASMUS + CURSO 2023-2024

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

ORDE do 11 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia no curso 2023/24 (código de procedemento ED322A).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia que participan no citado programa de mobilidade na educación superior durante o curso 2023/24.

Persoas beneficiarias
O alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia e que obtivese unha bolsa de mobilidade Erasmus+ no curso 2023/24.Requisitos
1. Poderá solicitar estas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
a) Estar matriculado/a en estudos conducentes a unha titulación de grao en ensinanzas artísticas superiores (nivel MECES 2) no curso 2023/24 en calquera dos centros públicos de ensinanzas artísticas superiores da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Ter obtido unha bolsa Erasmus+ de mobilidade no curso 2023/24.
c) Non ter desfrutado desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.
2. Queda excluído desta convocatoria o alumnado que, con nacionalidade distinta á española ou con dobre nacionalidade, realice a mobilidade nos seus países de orixe ou nalgún país do que é nacional.
3. Así mesmo, queda excluído da convocatoria o alumnado que non se desprace ao país de destino.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.