viernes, 12 de abril de 2024

SUBVENCIÓNS PARA A REALIZACIÓN DE PROXECTOS E OBRAS QUE EMPREGUEN PRODUTOS DE MADEIRA COMO ELEMENTOS ESTRUTURAIS

 AXENCIA GALEGA DA INDUSTRIA FORESTAL

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2024, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións para a realización de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais (códigos de procedemento MR502B, MR502D, MR502F e MR502G).

Obxecto
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto contribuír a fomentar o uso da madeira como elemento estrutural mediante as seguintes liñas de apoio:
– Liña 1.1 (código de procedemento MR502B): axudas á redacción de proxectos de construción nova, rehabilitación ou reforma de vivendas en altura, naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
– Liña 1.2 (código de procedemento MR502D): axudas á redacción de proxectos de construción nova, rehabilitación ou reforma de vivendas unifamiliares que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
– Liña 2.1 (código de procedemento MR502F): axudas á utilización de produtos de madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma de vivendas en altura, naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
– Liña 2.2 (código de procedemento MR502G): axudas á utilización de produtos de madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma de vivendas unifamiliares que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:
– Para as liñas 1.1 (código de procedemento MR502B) e 2.1 (código de procedemento MR502F): as comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) e as pequenas e medianas empresas, incluídas as persoas autónomas, que conten con domicilio social ou cun centro de traballo radicado en Galicia, e as cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan a súa actividade en Galicia.
Para os efectos das axudas de minimis conforme a normativa aplicable, enténdese por empresa calquera entidade que exerza unha actividade económica, con independencia da súa natureza xurídica e da súa forma de financiamento.
Tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño de 2014 (inclúe persoas autónomas que cumpran a condición de empresa); segundo esta definición, son pemes aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros. A Axencia Galega da Industria Forestal fará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme.
As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poder acceder a estas subvencións, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal, como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.
– Para as liñas 1.2 (código de procedemento MR502D) e 2.2 (código de procedemento MR502G): as persoas físicas, sexa de xeito individual ou unha pluralidade delas, que residan en Galicia.
No caso de solicitudes presentadas por unha agrupación de persoas físicas, todas as persoas solicitantes quedan obrigadas solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención e ao cumprimento do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Ademais, no caso de agrupacións de persoas físicas, deberán facer constar os compromisos de execución asumidos por cada unha das persoas solicitantes, que determinará proporcionalmente o importe da subvención que se aplicará a cada unha delas, que terán, igualmente, a consideración de persoas beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante da agrupación, con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, corresponden á agrupación, e coa que a Administración efectuará as actuacións no marco do procedemento administrativo.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias:
• Aquelas persoas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
• Aquelas persoas que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de subvencións pola Axencia Galega da Industria Forestal nos últimos 2 anos.
• Aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, punto 18, do Regulamento (UE) núm. 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
As empresas solicitantes deberán declarar na súa solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria. A Axencia Galega da Industria Forestal utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requiriralle ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos para a verificación do requisito.
• As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000,00 euros, e cando as persoas solicitantes sexan suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán achegar na súa solicitude a acreditación do nivel de cumprimento mediante os medios de proba establecidos no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003 e de acordo co anexo XVII-Acreditación do cumprimento dos prazos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
3. Os requisitos para ser beneficiarias deberán cumprirse antes da presentación da solicitude de axudas.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución ata o 2 de maio de 2024 ou ata o esgotamento dos fondos asignados, no caso de que se produza con anterioridade a esa data.