INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA
Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas por parte do Igape para favorecer o incremento da internacionalización das grandes empresas, coa finalidade de incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización.
O obxectivo principal destas bases é conseguir a internacionalización real de empresas galegas e propiciar a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores.
As actuacións que engloban están dirixidas a:
a) Aumentar a base de empresas exportadoras.
b) Fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.
c) Conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial coma xeográfica, das exportacións, incorporando novos mercados e produtos aos procesos de internacionalización das empresas galegas.
d) Difundir a cultura da internacionalización como ferramenta de progreso e competitividade.
Persoas beneficiarias
As empresas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que superen os límites establecidos para a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE do 26.6.2014, L 187).
b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de fin de execución da actuación, a través do procedemento do Igape IG192.
d) Que conten con presenza nos medios dixitais internacionais; contarán, como mínimo, cunha páxina web con versión en inglés.
e) Que estean ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser persoa beneficiaria da axuda, e as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.
f) Que cumpran a normativa de axudas de minimis segundo o previsto no artigo 2.3 das bases reguladoras.
g) Que estean ao día nos pagamentos debidos ás cámaras.
h) As empresas participantes nunha mesma acción non deberán ter vinculación entre si de ningún tipo (nin coas empresas pemes participantes na acción de correspondencia do Foexga) para poderen optar á subvención; no caso de que participen nunha acción dúas empresas vinculadas, só unha delas poderá optar á subvención. Enténdese por vinculación calquera participación dunha empresa, tanto directa como indirecta, na xestión, control ou capital social doutra. A vinculación faise extensiva á relación de membros de órgano de goberno, directivos ou xestores.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda iniciarase ás 8.00 horas do día seguinte hábil ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará ás 14.00 horas do 31 de outubro de 2024, agás que antes desa data se produza o suposto de esgotamento do crédito.