martes, 16 de abril de 2024

CONVOCATORIA DO PROCEDEMENTO PARA A CONCESIÓN DO USO DE INSTALACIÓNS XUVENÍS PARA A REALIZACIÓN DE PROGRAMAS DE LECER EDUCATIVO E TEMPO LIBRE PARA COLECTIVOS XUVENÍS DURANTE A CAMPAÑA DE VERÁN 2024

 CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE

ORDE do 3 de abril de 2024 pola que se convoca o procedemento para a concesión do uso de instalacións xuvenís para a realización de programas de lecer educativo e tempo libre durante a campaña de verán 2024 para colectivos xuvenís (código de procedemento BS304A).

Obxecto
A Consellería de Política Social e Xuventude convoca o procedemento de concesión do uso das súas instalacións xuvenís dentro da programación da campaña de verán 2024, para o desenvolvemento de programas de lecer e tempo libre, sen ánimo de lucro, dirixidas á xuventude, nos termos que se establecen nesta orde e de acordo coa distribución de prazas que se recolle no anexo I (código de procedemento BS304A).

Servizos ofertados e duración das quendas
1. O uso das instalacións ofertadas suporá dispoñer:
a) Dos servizos de auga, gas, electricidade e alimentación en réxime de pensión completa.
O primeiro servizo de alimentación será o xantar do día da incorporación e o último será o xantar do último día de estadía concedida.
b) Do material, excepto o correspondente ás actividades que a entidade ou grupo vaia desenvolver na instalación e que, no caso dos campamentos, comprende tamén as tendas de campaña, colchóns e mantas.
c) Dos servizos da xerencia e persoal de servizos de restauración e limpeza das ditas instalacións.
2. Exclúese dos servizos ofertados o traslado ata a instalación xuvenil, tanto o día de chegada como o de saída, que serán por conta da entidade ou grupo destinatario. Igualmente, para o Campamento da Illa de Ons exclúese o traslado en barco ata a illa.
3. As instalacións, prazas e quendas ofertadas son as recollidas no anexo I.
O número de prazas e de días que se soliciten pode ser inferior ao máximo ofertado

Entidades e grupos destinatarios
Poderán solicitar o uso das instalacións de referencia:
a) As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as escolas de tempo libre, debidamente constituídas e legalizadas.
b) Os consellos locais e municipais de xuventude.
c) As corporacións locais.
d) Outras entidades públicas ou privadas debidamente constituídas que realicen actividades coa xuventude.
e) Os grupos de persoas mozas non asociadas que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro e, en todo caso, para a realización dun programa de actividades para un mínimo de 15 persoas. Unha persoa integrante do grupo asumirá o papel de representante con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como destinatario, lle corresponden ao grupo e, en consecuencia, a todas as persoas que o forman. Será necesario que o grupo teña unha denominación que o identifique.

Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes
1. De acordo co establecido nos números 2 e 3 do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 10.2 da Lei 4/2019, de 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. No caso da solicitude de instalacións para o desenvolvemento de actividades de tempo libre, no número de prazas solicitadas polas entidades e/ou grupos relacionados no artigo 3 incluiranse as correspondentes ás persoas integrantes do equipo de animación e calquera outra, relacionada coa entidade ou grupo, que vaia estar na instalación durante o período solicitado.
3. O prazo de presentación de solicitudes será de sete (7) días hábiles, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.