jueves, 18 de abril de 2024

PROGRAMA CONECTA CO CAMIÑO 2024

 PRESIDENCIA DA XUNTA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 8 de abril de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Conecta co Camiño dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR930D).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas correspondentes ao programa Conecta co Camiño para o ano 2024, que ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa cultura e a xeografía galega a través da realización de distintos tramos do Camiño de Santiago Portugués ata chegar a Compostela (código de procedemento PR930D).
2. Así mesmo, por medio desta resolución se convoca este programa para o ano 2024.
3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas beneficiarias
1. Poderán optar a este programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter unha idade comprendida entre os 18 e 20 anos na data de inicio do programa.
b) Non ter participado en edicións anteriores en ningún programa convocado pola Secretaría Xeral da Emigración.
c) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de persoa emigrante galega.
d) Ter a nacionalidade española.
e) Ter a súa residencia habitual no estranxeiro.
f) Atoparse vinculadas con calquera concello galego no padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) cunha antigüidade mínima de 12 meses contados desde o día de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
g) Carecer de discapacidades que lle impidan realizar a viaxe e participar con normalidade nas actividades do programa.
2. Ademais, no caso de optar ás prazas con financiamento do 100 %, o importe total dos ingresos e rendas que perciban todos os membros da unidade familiar do solicitante non poderá superar o límite da cantidade que resulte do dobre da base de cálculo da prestación por razón de necesidade aprobada no 2024 para o país de residencia, ou no caso de residir en Europa, do salario mínimo interprofesional no país de residencia para o ano desta convocatoria, multiplicado polo número de persoas que convivan menos unha.
As persoas interesadas que entendan que os ingresos da unidade familiar do solicitante supere ese tope, deberán optar por unha das prazas ofertadas na modalidade de copagamento conforme o especificado no anexo I desta convocatoria, e aboar, no prazo dos dez días seguintes á publicación da resolución de adxudicación das axudas, a cantidade de 800 € se residen en América, ou de 250 € se residen en Europa.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
De acordo co artigo 30.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.